Amigo Santi

Rosana Posada Expósito OBITUARIO

RIBADEO

PEPA LOSADA

30 jun 2021 . Actualizado a las 15:44 h.

Hoxe é día de San Pedro, hoxe é día do patrón. Non hai bandeiras penduradas polas rúas nin nos balcóns, non hai gaiteiros en pasarrúas, non está o palco da orquestra preparado para a sesión vermú nin o quinteto de músicos que acompañan o barco de San Pedrín na procesión ata a Punta da Rambla, non hai coroa de frores que botar ao mar ofrendándoa aos náufragos que deixaron nel a súa vida, non hai nenos estrenando os zapatos novos, non hai tarteiras ao lume na cociña de leña preparando os mellores asados nin doces da Eijo para a sobremesa, non hai boureo de xente...

Hoxe en Rinlo é o día do patrón.

É o día grande e non hai balbordo. Hoxe respírase tristura. Ninguén canta nin fala con alegría, o pobo está en estado de abatemento, o pesar invade a todos e cada un dos rinlegos tralo pasamento dunha boa persoa, un home xove. O 27 de xuño un dos rinlegos de pro erguía as súas ás en voo para sempre, Santi. Déixanos o corazón crebado.

Home comprometido, coa man tendida sempre, disposto a axudar aínda na distancia. Era a nosa música, o noso deseñador gráfico, o noso operador trala cámara, era a voz dos rinlegos nas redes sociais, era tantas cousas..., pero por riba de todas elas Santi era o meu amigo, un amigo de sempre, dos de toda a vida! E así seguirá sendo mentres eu non emprenda o meu derradeiro sono, el vivirá no meu recordo e no meu corazón. Deixounos un home bo e xeneroso. Deixounos Santi.

Que a terra che sexa leve, AMIGO.