José Antonio Fernández: «Antes ao cobrar esquecíanse todas as penurias que se pasaban na pesca, agora xa non compensa»

XOVE

José Antonio Fernández, en Portocelo
José Antonio Fernández, en Portocelo Pepa Losada

Despois de case tres décadas, este namorado do mar de Portocelo (Xove) cambiou a baixura polo traballo nun remolcador

29 nov 2025 . Actualizado a las 11:37 h.

José Antonio Fernández Vázquez, «Toto» (Portocelo, Xove, 1975) di que a súa idea inicial non era traballar no mar, pero o vínculo familiar —seu pai tiña unha lancha de baixura— e as menores oportunidades laborais que ofrecían outros sectores acabaron por convencelo. «Pescar era unha saída porque se non tiñas estudos era moi difícil encontrar algo bo en terra, e nos barcos gañábase diñeiro», explica. Tanto que o sacrificio compensaba a dureza do oficio, asegura. Agora, entende, o que se gaña non é recompensa suficiente, e achaca —en parte— a este cambio a falta de relevo xeracional.

—O mar é duro.

—Eu mareábame moito ao principio (ri). A pesca supón un esgotamento físico: moitas horas de traballo, durmir pouco... Con meu pai, nun palangreiro de fondo, saiamos o domingo e ata o venres non volviamos. Nos días de inverno hai moitas penurias. Os días con algo de temporal, na baixura estás con medo todo o día, largando o aparello preto das pedras. Pero é certo que cando cobrabas o mes, esquecíanseche todas as que penas que pasaras. Había quen gañaba para un coche, unha casa, para estudar os fillos fóra. E o sufrimento rentaba. O mar ten dado moito, pero xa non é así. A baixura, por exemplo está fatal.

—Dá a impresión de que hai empresas ás que lles vai ben, pero moitas sopesando abandonar.

—Hoxe en día a moita xente non lle interesa ir ao mar, porque vai gañar un soldo normal, ou un pouco superior aos de terra. Para cobrar máis ou menos o mesmo, en terra vívese mellor. Ese é un dos principais problemas da falta de relevo xeracional. Se houbese unha boa recompensa económica, a xente meteríase a traballar na pesca, porque hai quen precisa o diñeiro ou quen aspira a unha estabilidade para el e para a súa familia. Agora mesmo, alguén con certa destreza pode gañar parecido ou máis sen embarcar: fan falta albaneis, fontaneiros, mecánicos, electricistas... Un patrón ou un motorista gañan pasta, pero igual para conseguir eses postos teñen que navegar a metade da vida. E a outra metade, estando de segundo de a bordo, facendo tamén traballo de cuberta e gañando pouco, cando debera premiárselles de cara ao futuro.

—Mírase pouco a longo prazo?

—Os rapaces que teñen o título de patrón, aínda que non exerzan como tales e fagan traballo de cuberta, deberan ter bos salarios. Sería a maneira de mantelos porque son os futuros patróns do barco.

—Vostede sacou o título de patrón de altura, pero nunca exerceu.

—Acomodeime na baixura. Estiven uns anos con meu pai e logo comecei con meu irmán, coa nosa lanchiña, andando ao día. Durmiamos sempre na casa e traballabamos para nós. Así estivemos 20 anos. Os comezos foron difíciles: hai moitas cousas que non sabes, viñan as letras enriba e non vías como facer para quitar o soldo... (ri). Pero despois do primeiro ano estabilizouse todo.

—É máis doado ou máis complicado traballar con familiares?

—Penso que máis doado. Hai discusións, pero sabes que son por ben. E tes máis confianza á hora de dicir cousas que non funcionan e que hai que cambiar, polo ben de todos.

—Antes falaba dos riscos que se corren. É difícil decidir e atopar un equilibrio entre a necesidade de cartos e o perigo de ir pescar con mal tempo?

—Si que é. Cando pasas varios días de temporal seguidos, todo se volve complicado. Se botas catro días sen faenar igual xa non remontas o mes. Moitas veces acabas arriscando, porque os gastos seguen vindo, traias peixe ou non.

—Decidiu cambiar a pesca, na que era empresario ou autónomo, por ser empregado nun remolcador.

—Teño 50 anos e xa comezaba a notalo. A medida que vai pasando o tempo deixas de ter a mesma forza física. Na baixura todo se basa nas horas: máis traballas, máis opcións tes de gañar. Empezas a pensar: «Se mañá hai mal tempo, non saímos». Iso mérmate economicamente.

—Di que a burocracia tamén desgasta, psicoloxicamente.

—Ten que haber control sobre a pesca, vedas, ninguén o discute. Pero agora mesmo hai demasiadas esixencias. Que che impoñan ter unha balsa, na baixura, non ten sentido: hai moitas opcións de que con vento te vaias contra as pedras. Lévanche os cartos con tonterías.

—Foi un cambio de vida grande para vostede, deixar a baixura polo emprego no remolcador?

—Parece mentira, pero un cambio radical. Tiven que afacerme a un convenio, un horario... Pero foi para ben. Un empresario da baixura quere gañar o doble ou o triple que outra persoa, pero non só por ambición, tamén pensando en mañá. Pensa que as cotizacións na baixura son baixas, así que ou fas un plan de pensións ou aforras cartos para a xubilación. Quizais dentro de dez anos a pesca dea para máis: desaparecerán barcos e os prezos do peixe imaxino que subirán moito.

—Vostede ten 50 anos, pero xa viu cambiar moito Portocelo.

—Hoxe hai menos da metade das embarcacións que había entre Morás e Portocelo. Saiamos largar as nasas oito ou nove embarcacións xuntas do mesmo peirao, había competencia por chegar aos puntos máis ricos en peixe. Hoxe, queda unha soa embarcación algo grande, con varios tripulantes, e dúas pequeniñas.

—Que lle gusta de traballar no mar?

—A pesca gustoume sempre. Os anos que andiven, fíxeno moi contento, agás na última tempada que xa necesitaba un cambio.Gústame estar coa brisa na cara, cos bandazos e a marexada, iso é o meu (ri). No meu tempo libre doulle á pesca deportiva.

—O seu fillo maior estuda para patrón de altura.

—Así é, na Coruña. Pero non ten na cabeza a idea da pesca, polo menos a día de hoxe. Di que na clase son 20 ou 22 estudantes, e só tres teñen pensado enrolarse no sector pesqueiro. Os outros están pensando en traballar en Salvamento Marítimo, ou nunha empresa privada de remolcadores, ou para as dragas... Neses oficios vives un pouco máis a vida.