Cando Sar se pon a remar

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

09 may 2019 . Actualizado a las 22:53 h.

Rosmadoiro leva anos a carón do Obradoiro movéndose nas redes sociais, sen traizoar a súa esencia. Quen queira que se atope detrás desa marca, en singular ou en plural, probablemente acertou de cheo ao identificar unha das sinais de identidade arredor do club. Vale rosmar, que sona mellor que fungar, e se pode ser con retranca, mellor.

Co mesmo olfacto que detectou esa maneira de vivir o club e o baloncesto en Sar, deseguida identifica cando se aveciñan curvas para o equipo no seu andar pola ACB. E sabe facer chegar a mensaxe para mobilizar folgos, para inxectar afouteza. Non hai más que lembrar hai dous anos o «SARvation Army». Ou nestes días o «SARvese quien pueda».

E nesas está o Obradoiro unha vez máis. Porque cartos nunca lle sobraron, pero de enxeño, fe e capacidade para tirar arreo, seguindo o mesmo compás, algo pode dicir.

Dalgún xeito, fai lembrar unha descrición do exército republicano que facía George Orwell nunha das súas publicación, cando dicía que non era doado poñer orde nesa tropa. Pero esa mesma tropa convencida dun obxectivo collía forza e era outra historia.

Aí é onde ten o Obradoiro a súa mellor baza, na capacidade de facer causa común. No será sinxelo que a Caldeira de Sar se encha esta tarde, porque a hora de comezo de partido non é a mellor nun día de traballo no medio da semana. Pero haberá unha boa entrada. Porque Sar sabe rosmar, pero tamén sabe cando toca remar e apertar. E nesas está, coma tantas veces.