O rap galego dende tres puntos de vista

La Voz

AROUSA

CEDIDA

Actuación de SondaRúa + KDK + Suicidio Colectivo

22 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres • 21.30 h • Cambados • Ayf • De balde • Son tres pero podían ser un feixe de eles máis. A eclosión do rap galego está a xerar infinidade de propostas que transitan desde o académico hip hop ata o bastardo trap. Dende o berro en alto de rimas que arden en compromiso ata a fútil banalidade de letras agochadas tralo autotune. E un pouco de todo iso discurrirá hoxe polo local cambadés.

O prato forte da noite é a presenza dos ponteareáns SondaRúa, que veñen de presentar o seu novo tema Voz da resistencia, no que se afastan un pouco do rexistro que ata agora lles coñecíamos para achegarse ás sonoridades que marcan as actuais tendencias. O que non varía é a rotundidade das súas letras, coa represión, a censura e a falta de liberdade de expresión no punto de mira. Sempre máis lume, more faia / Sempre fieis a nosa luita revolusionaria.

Completan a velada Suicidio Colectivo e os vilagarciáns KDK, formación da que son membros os rapeiros Was e B-Tass.