O pasado e o presente das artes e das letras do Salnés en cen follas

AROUSA

CEDIDA

A nova revista preséntase esta tarde na Feira do Libro de Cambados 

20 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 22 de xuño • De 10.30 a 13.30 e de 17 a 21 horas • Paseo da Calzada (Cambados) • O segundo día da Feira do Libro chega cun programa apertado. Pola mañá haberá visitas de alumnos do colexio San Tomé e o IES Francisco Asorey; pola tarde (18 horas) Susana Sánchez Arins asinará «Dicen» e haberá dúas presentacións.

Ás 19 horas será a quenda do primeiro número da revista «Cen Follas de artes e letras», cunha tirada anual e un prezo de 5 euros. A publicación nace coa intención de atender a memoria daqueles que enriqueceron Cambados e o Salnés co seu traballo nas artes, mais tamén de prestar atención á xente que a día de hoxe segue a traballar neste eido. Recuperaranse escritos de autores e se publicarán traballos literarios das novas voces que falen desde ou desta terra. A revista contará con crónicas e artigos de investigación sobre distintos campos de estudo relacionados co Salnés e entre os obxectivos propostos está render homenaxe ás grandes figuras das artes e das letras.

De Leiro a Cabanillas

A sala de exposición do pazo de Torrado terá unha sección permanente na que se publicarán documentos, artigos e críticas vinculadas ás artes plásticas. Estréase cunha conferencia do fotógrafo Vari Caramés e unha entrevista ao escultor Francisco Leiro.

Neste primeiro número dedícaselle un especial ao poeta Ramón Cabanillas, tamén se lle rende homenaxe a Álvaro Cunqueiro, sae á luz a farsa «Unha tarde na Pastora» escrita hai décadas polo pintor e poeta cambadés Lino Silva, Bea Laya publica un artigo centrado no papel pintado do pazo de Fefiñáns, Ribadomar publica cinco poemas e David Espasandín, dous relatos. A revista péchase cun anuario cultural da vila do albariño.

Esta publicación é tan só unha parte das propostas da Asociación Cen Follas, xa que entre os seus obxectivos tamén está a promoción dos creadores locais e a organización de actos culturais que dean a coñecer o seu traballo.

«Cen Follas» dará paso (20 horas) á presentación do libro «As nosas letras de Muller a Muller» da artista compostelá María Eiras, e a axenda de actos prosegue mañá.

Ás 18 horas soará a música co gallo da presentación de «Canta miña pedra canta», homenaxe a Antonio Fraguas, coa presenza de Xoán Curiel; a partir desa hora María Soliño, Sindo Mosteiro, Ledicia Costas e Maribel Iglesias asinarán os seus libros nas casetas das librarías; logo Pepe Barro presentará «Cen historia de deseño na Galiza»; Ramón Caride e Manuel Busto acoden con «Singamia 1.1» e pecha a xornada Manuel Portas coa presentación de «Por Puntos».