«O que eu fago non é folktrónica, é música de autor con gaita»

AROUSA

Oscar Del Moral

Cristian Silva GaiteiroA poucos meses de presentar novo disco, no que de novo promete rachar cos tópicos, o gaiteiro de Carril actuará o martes no parque da Xunqueira

19 ago 2019 . Actualizado a las 21:45 h.

Non hai volta atrás senón todo o contrario. Polo menos polo escoitado en Lobo estapario, o único adianto ata agora do que será o novo disco de Cristian Silva. O concepto segue a ser o de utilizar a gaita como un instrumento máis nunha banda orgánica na que ten cabida o rock, o pop ou indie. Con tratamentos electrónicos e mesmo algunha chiscadela ao controvertido autotune.

- Como definimos todo iso?

-No é doado, non. A min gústame dicir que é música de autor con gaita.

- E esa etiqueta tan de moda de «folktrónica»?

-Non, non ten nada que ver con iso. Aínda que é certo que nos meus temas hai bases electrónicas son todas feitas con instrumentos reais. E as reminiscencias folk que había nos meus anteriores traballos neste van desaparecer case por completo.

- Nada que ver con Baiuca, entón?

-Non, nada. Álex (Baiuca) é amigo e mesmo temos colaborado pero o seu é un concepto totalmente distinto ao que fago eu. O meu é máis orgánico.

- Está a abrir novos camiños esa mestura de folk e electrónica?

-Esa mestura non é nada novo. Os pioneiros foron Spirito 986. Despois chegou Budiño, cando fixo Sotaque, un disco super rompedor. Agora fálase de Baiuca. Pero, para min, o camiño e a referencia a seguir segue sendo Mercedes Peón.

- Cando sairá o novo disco?

-De momento só publiquei un adianto. En setembro sairá un novo single e un novo vídeo, Estado de fuga. En novembro sairá o terceiro, que é o que da título ao disco. E de cara a fin de ano o álbum completo.

A estética de Cristian Silva racha coa do gaiteiro tradicional