De uvas, merlos e velutinas

AROUSA

MARTINA MISER

Plantei cepas de uvas de mesa das máis diversas variedades

15 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Como xa contei, son afeccionado á xardinaría e á horticultura. Nesa lideira fun plantando froiteiras e arbustos de centos de clases, uns para flor e outros de baias. Si: os que imaxine, exóticos e autóctonos, estarán crecendo na miña horta. Para seguir nesa porfía, pouco produtiva a verdade, encargueille ao meu veciño Baldomero Magdalena, un dos excelsos ferreiros con oficio e humor que van quedando, que me argallara unha parra. E, divertido, fíxoma. Fun poñendo cepas de uvas de mesa das máis diversas variedades e van medrando naquela terra sen lentura. O ano pasado empezaron a dar algún acio, pero non tiven tempo de probar nin un bago porque os merlos acababan con eles en canto deixaban de estar agres. Era un visto e non visto. Ía miralos tódolos días e pensaba que na xornada seguinte xa estarían maduros. E estar, estarían, seguro, porque chegaba o momento de recollelos e, irremediablemente, topábame coa cangalla. Sen unha soa uva. Pensei que, para este ano, cando a parra estivese cuberta de vides os paxaros non se meterían na sombra. Así que falei co meu amigo Benxamín Fernández, de Castrelo, que foi nomeado viticultor do ano en varias ocasións. Podoume e atoume a parra, con vimbios aínda, e doulle os tratamentos precisos. Por iso, esta primavera floreceron as vides con fartura e co paso das semanas formáronse acios potentes, abondosos, de moscateis brancos e negros, de cardinais americanos; en fin: que imaxinaba vaidoso que, chegado setembro, vendimaría aquela fermosura e sería quen de ofrecer aos amigos unha degustación de auténticas ambrosías. Avanzado o verán, vin -parecíanme ratas do ar, ladróns- aos merlos roldaren aqueles meus tesouros. Alarmeime e din en comprar pola internet bolsas dun material como papel usadas para preservar froitas. E, con paciencia colosal, fun protexendo, un por un, os prometedores acios con cadansúa bolsa. Curiosamente, desde aquela non volvín coincidir con Benxamín, que non dou chío sobre o espectáculo das bolsas brancas. A viña foi alcanzando sazón: acios grandes, uvas xenerosas. Que marabilla, que boa pinta, que sabores imaxinados!. Chegou setembro e como plantara diversas clases, unhas madureceron nunha semana e outras noutra. Pois resulta que os merlos, xusto en canto as uvas alcanzaron o punto para comelas, degustalas como eu matinaba, furaron as bolsas de papel, papáronme as uvas que quixeron e deixaron un oco polo que penetraron avespas velutinas como atemorizantes mísiles. Nun abrir e cerrar de ollos, vinme sen uvas e con moitísimos raspallos envoltos en bolsas de branco papel. Como vinganza amarrei á parra botellas de plástico polo bico cun pouso de auga, azucre e picadiño de froita. Esteticamente non se ve distinguido, pero as velutinas caen a ducias e non son quen de saír, como se entraran nunha nasa. Estalles ben. Ah! Sei que en vez de estalles ben debería pór outra expresión. A ver para o ano.