Manuel Fontán acode a unha concentración do equipo nacional de canoa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

O grupo desenvolverá a rutina preparada desde o luns día 25, ao domingo 1 de decembro

21 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O responsable técnico do equipo nacional de canoa, Marcel Glaván, programou para a vindeira semana unha concentración en Sevilla na que, ademais da media ducia de padexeiros internos baixo a súa dirección no centro de alto rendemento da cidade hispalense, traballará con varios dos máis prometedores canoístas do estado. E entre os chamados por Glaván, o deportista do Náutico O Muíño de Ribadumia Manuel Fontán, co madrileño do Breogán do Grove Noel Domínguez entre os seus compañeiros de lista. O grupo desenvolverá a rutina preparada polo responsable nacional de canoa desde o luns día 25, ao domingo 1 de decembro.

Salto a sénior no 2020

Fontán entrou na convocatoria por méritos propios. Sexto no Mundial Júnior de Pitesti este ano, estreará no 2020 condición de padexeiro sénior cun extenso palmarés tras del. Campión de España ano tras ano desde infantil B, protagonizou unha precoz estrea internacional, inda cadete de primeiro ano, oitavo no C4 500 do Mundial Júnior do 2016. Sexto no C2 500 do Europeo Júnior e bicampión do C1 200 e 500 dos Xogos Europeos da Mocidade no 2017; o ano pasado, o primeiro júnior, foi subcampión de Europa no C1 1.000 e cuarto no C1 200, ademais de noveno no C1 1.000 do Mundial.