A canceira de Meis segue a boa racha con dúas novas adopcións fóra de Galicia

La Voz MEIS

AROUSA

Cedida

Sura e Mosto atoparon fogar en Madrid e Sixón

22 ene 2020 . Actualizado a las 15:43 h.

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra segue coa súa boa racha de adopcións neste inicio de ano. Nestes últimos días dous dos cans que permanecían no centro atoparon un novo fogar fóra de Galicia, en concreto en Xixón e Madrid. As persoas que adoptaron a Mosto e Sura acudiron expresamente desde os seus lugares de residencia para levarse a estes cans, que levaban desde finais do pasado ano no centro.

Sura, unha mestiza dun ano que ten cruce de setter, foi adoptada por Roberto Seijo e xa está en Madrid. «Dan ganas de levarse a todos, pero a nós se nos cruzou a cariña de Sura», explica o novo dono. Mosto foi abandonado en Crecente no mes de novembro e José Luis Bernedo e Carmen Velasco souberon da súa existencia logo de contactar coa CAAN a través da páxina web.

Dos 466 animais adoptados no 2019, 413 foron a fogares de España (a maioría en Galicia, 405, e 8 ás outras comunidades) e 53 a Portugal. “Por provincias, Pontevedra, con 345, encabeza o ránking mentres que para Lugo foron 36, para A Coruña 14 e para Ourense 10. E dentro da provincia pontevedresa, os concellos que máis adoptaron foron Sanxenxo (35), Pontevedra (32), e Meis (30).

O centro de animais dá servizo a 48 concellos da provincia. Nestes momentos, son arredor de 350 os cans e cadelas que se atopan nas instalacións á espera de ser adoptados. Na páxina web do centro (https://caan.depo.gal/), ademais de poder ver a todos os animais, pódense facer tamén todos os trámites relativos ás adopcións de xeito gratuíto.