O Breogán do Grove ficha o medallista internacional cangués David Barreiro

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

cedida

Formará con Noel Domínguez un C2 coa mira na seleccción

21 feb 2020 . Actualizado a las 21:11 h.

O C.M.D.C. Breogán do Grove vén de anunciar a fichaxe do canoísta internacional David Barreiro, procedente do R.C.N. Rodeira de Cangas. Aos seus 21 anos, trátase dun dos padexeiros Sub-23 máis prometedores de España, como proba a súa xa notable traxectoria coas seleccións hispanas de categorías de formación, coas que xa pisou podio.

Así, no 2017 Barreiro colgouse o bronce no Campionato de Europa Xuvenil na proba olímpica do C1 1.000. A tempada pasada abríuna conquistando o título de campión de España Sub-23 de Inverno, sobre 5.000 metros, conseguindo o oitavo posto na final de C1 500 do Mundial Absoluto, e finalizando no Mundial Sub-23 sétimo no olímpico C2 1.000 e noveno no C2 500. Na canoa dobre, formando parella con quen pasa a ser compañeiro de club no Breogán, o madrileño Noel Domínguez. Con este último Barreiro comparte ademais grupo de traballo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, no que ambos evolucionan xunto co vilanovés do Náutico O Muíño Manuel Fontán e con Pablo Graña, padexeiro do Rodeira de Cangas.

Coa reunión de David Barreiro e de Noel Domínguez o Breogán do Grove confía en gozar de grandes réditos nas competicións de clubes, pero tamén da proxección internacional que se prevé da súa alianza no C2 1.000.