O matrimonio de damnificados olímpicos resignado a engadirlle doce follas ao calendario

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Árbitro internacional de piragüismo, Marta Felpeto «xa o tiña todo» para vivir por primeira vez desde dentro o maior evento deportivo do planeta

31 mar 2020 . Actualizado a las 15:45 h.

Manuel Isorna cumpre co confinamento establecido na loita contra o COVID-19 na súa casa en Catoira. Nela dixire o mal trago de ter que pospor ao 2021 o Congreso Internacional de Adestradores de piragüismo no que leva traballando dous anos á fronte do comité organizador. Faino xunto ás súas dúas fillas e a súa muller, Marta Felpeto, como Manuel, no poboado colectivo de damnificados polo adiamento dos Xogos Olímpicos.

Árbitro internacional de piragüismo, Marta «xa o tiña todo» para vivir por primeira vez desde dentro o maior evento deportivo do planeta, desde as acreditacións ata «os billetes, para o 31 de xullo e para o 11 de agosto», di.

«Eu ata o último momento non vin que foran cancelar os Xogos. Só cando o equipo de natación dos EE.UU anunciou que non ía ir a Tokio se se celebraban este verán». E é que, desvela Felpeto, as mensaxes enviadas polo Comité Olímpico Internacional non facían pensar en que daría o seu brazo a torcer: «O xoves da semana que acabou co decreto do estado de alarma recibín o contrato de cesión de dereito de imaxes do COI para que o mandara asinado. Toda a maquinaria estaba en marcha».

Enterada da decisión oficial do aprazamento media hora antes co común dos mortais por unha árbitro xaponesa, Marta asúmea con resignación: «Nós -os árbitros- non nos dedicamos profesionalmente a isto. É un cambio, nada máis. Pero os deportistas si necesitaban sabelo».