O Asmubal Meaño abandona o último posto coa súa segunda vitoria en oito días

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

JUAN FERNANDEZ

As de Juan Costas derrotaron 28-30 o Siero no seu primeiro triunfo a domicilio da tempada

19 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Case tres meses e medio houberon de agardar as integrantes do Asmubal Meaño para celebrar a súa segunda vitoria en Liga no seu regreso á División Honra Prata Feminina. Tan só oito días precisaron para erguer os brazos por terceira ocasión ao termo dunha nova comparecencia ligueira. O pasado sábado o equipo de Juan Costas solventou con éxito o seu segundo desprazamento consecutivo a terras asturianas, impoñéndose 28-30 ao Siero Deportivo.

É esta unha vitoria cun enorme valor engadido, por varios motivos. Polo xa comentado de suceder con tan escasa marxe de tempo desde que as de Costas lle gañaran 33-29 ao Salud Tenerife o pasado día 9 no Pavillón de Coirón, caendo pouco máis de medio día despois na cancha do Oviedo, 26-20, tras un madrugón e unha auténtica paliza en autobús. Pero é que ademais, cos 2 puntos colleitados en Siero o cadro meañés conseguíu tres fitos dunha tacada na primeira xornada da segunda volta do campionato: derrotar por segunda vez esta tempada a un mesmo rival, asinar o seu primeiro triunfo a domicilio; e abandonar a condición de pechacancelas, escalando dous postos na táboa. Saíu así da zona de descenso directo con 6 puntos no seu haber, polos 5 do Palencia e polos 4 do seu vindeiro rival, o sábado en Coirón, o Lavadores. Se a todo o anterior se lle suma a tendencia positiva mantida polo Asmubal desde a chegada de Juan Costas polo dimitido Luis Montes, parece haber razóns para o optimismo no club meañés.

En Pola de Siero, o Asmubal soubo respostar a unha mellor saída do seu rival (3-1), axustando con rapidez a súa defensa para facerse co control do partido e do marcador cun gran traballo na área propia que lle permitíu saír rápido ao contragolpe. Así chegou 10-16 ao descanso.

Cunha defensa máis aberta, o Siero explotou a inferioridade numérica rival arrastrada dos últimos segundos da primeira parte pola exclusión de Vanesa, conseguindo levar a igualada ao electrónico ata en tres ocasións. A última, a 5 minutos (26-26). Pero as de Costas probaron unha madurez descoñecida, amarrando a vitoria pese á exclusión de Julieta a 2,22 do final.

FICHA DO PARTIDO:

SIERO DEPORTIVO BALONMANO (28): Mara Van Leeuwen, Alba Alonso (5), Pevida (6), Julia Baizán (7), Lucía Parajón (4), Blanca Sánchez (4) E Clara Álvarez (1) -septeto inicial-; Laura Suárez (1), Laura Gutiérrez, Vera, Raquel, Luna, María Alonso, Sara Antuña e Estefanía Ruíz?

ASMUBAL MEAÑO (30): Lorena Ligero, Andrea Cores (3), Andrea Barreiro (5), Laura Miniño (5), Lorena Barreiro (5), Victoria (3) e Cárol Ferreira (6) -septeto inicial-; Ariana, Julieta, Lara Castro, Mónica Sineiro, Anabel Otero (3), Vanesa Domínguez e Laura Rivas 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-2, 4-5, 5-7, 6-10, 9-14, 10-16 (resultado ao descanso); 14-16, 16-18, 19-20, 23-24, 26-26 e 28-30 (resultado final).

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Daniel Álvarez e Luis Medio. Castigaron con 2 minutos as meañesas Lorena Barreiro, Vanesa, Cárol Ferreira e Julieta.