Ravella concedeu o pasado ano un total de 77 tarxetas de transporte para persoas maiores de 65 anos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

19 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un total de 77 vilagarciáns maiores de 65 anos contaron o ano pasado coa tarxeta de transporte que concede a Concellería de Persoas Maiores para favorecer a autonomía persoal deste colectivo. Trátase dun bono bus, subvencionado polo Concello en colaboración coa empresa Pereira, que funciona como tarxeta monedeiro para os desprazamentos urbanos no transporte público colectivo.

Segundo explica o goberno local, a tarxeta transporte permítelle ás persoas de máis idade desprazarse polo municipio sen ter que depender de ninguén para poder ir a facer compras, visitar a familiares, acudir ao médico ou as súas actividades de carácter social e de ocio. Os únicos requisitos para contar co bono transporte é ser maior de 65 anos, estar empadroado en Vilagarcía e ter un nivel de ingresos que non superen ao do salario mínimo interprofesional.

A cifra de tarxetas concedidas en 2020 foi lixeiramente superior ao do ano anterior, cando entre renovacións e novas altas, se aprobaran 73. A suma que o Concello vén destinando anualmente a financiar o bono transporte dos maiores ronda os 5.000 euros, cantidade que varía.