Vilagarcía deseña unha remodelación integral do parque do Cavadelo con orientación multideportiva

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A área de ramplas e saltos será renovada coas suxestións realizadas pola asociación de skate de Pontevedra

31 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía prosegue o seu programa de mellora e modernización dos espazos públicos e zonas verdes. O obxectivo céntrase, agora, no parque do Cavadelo, ao que o equipo de Alberto Varela quere imprimir un cambio integral que manteña e potencie os seus usos actuais. A idea é que esta área, de catro mil metros cadrados, se converta nun gran espazo de ocio multideportivo. Para conseguilo, o goberno local encargou a redacción do proxecto ao arquitecto Javier Segura. A proposta final adaptarase ás suxestións realizadas pola asociación de skate de Pontevedra, colectivo co que Ravella contactou a fin de concretar a reforma da parte do parque dedicada a esta práctica.

O Cavadelo, lembran fontes municipais, data de 1999, sen que nos 21 anos transcorridos dende entón se levase a cabo ningunha adaptación importante, máis aló de pequenas obras de conservación. Elementos desfasados, especialmente no que atinxe ás instalacións de skate, e materiais bastante deteriorados son os primeiros problemas que presenta nestes momentos o recinto, ademais dun deseño que non integra debidamente as súas diferentes áreas de actividade.

Para actualizar a imaxe do parque baixo criterios de funcionalidade, a intervención abranguerá o conxunto da súa superficie. A cuarta parte, uns mil metros cadrados, hanse reservar para o skatepark, que concentrará as dúas modalidades deste deporte nun mesmo espazo, incluíndo rampla e zona de street. Tamén se recuperará a pérgola da zona de estar, así como outros elementos, integrando os espazos destinados a baloncesto e fútbol 5 cunha meirande solución de continuidade.

A redacción do proxecto básico e de execución foi adxudicada por 12.705 euros, e o arquitecto disporá de tres meses para encargar o traballo. Unha vez que se coñeza o importe da actuación, o Concello terá que procurar os fondos para o seu financiamento, ben a través dos propios orzamentos municipais, ben con subvencións doutras administracións, e redactar os pregos para a licitación das obras.

A planificación do Cavadelo chega despois de que estea presupostada xa a mellora do parque Miguel Hernández, que substituirá o seu deteriorado pavimento. Con ambas actuacións renovaranse as dúas grandes áreas municipais de esparexemento na fachada marítima de Vilagarcía.