Doce traíñas competirán o domingo pola bandeira Concello de Vilagarcía

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

cedida

A proba, que se desenvolverá en Vilaxoán, puntúa para a liga galega

22 jul 2021 . Actualizado a las 20:20 h.

Recuperar algo semellante á normalidade nun eido coma o deportivo constitúe pouco menos ca un pracer coa que está caendo. A reflexión correspóndelle ao alcalde Alberto Varela, que onte presentou a 27.ª edición da bandeira Concello de Vilagarcía xunto ao presidente do club de remo Vilaxoán, Gelo Tarrío, e ao concelleiro de Deportes, Miro Serén. A proba desenvolverase entre o sábado e o domingo, con doce embarcacións que tratarán de facerse cun premio que puntúa para a liga galega de traíñas e traerá debaixo do brazo unha substanciosa recompensa económica, en forma de nove mil euros.

«O importante -anotou Varela- é destacar que necesitamos volver á normalidade, e que o club poida seguir traballando, porque poucos clubs fixeron as cousas tan ben durante os últimos anos coma o club de Remo Vilaxoán». O Concello tamén agarda que as obras de remodelación do centro social do Preguntoiro rematen canto antes para que as instalacións estean nas mellores condicións, «e moitos rapaces poidan facer un deporte tan apaixonante coma o remo».

Varela cedeu a palabra a Gelo Tarrío, logo de desexar que a bandeira fique en Vilaxoán. Algo que o presidente do club considera factible: «Sempre que o deus Eolo se poña da nosa parte». Bromas aparte, o campo de regatas variará con respecto ao das edicións anteriores, xa que no canto de orientarse cara a Cortegada, a proba discorrerá en dirección suroeste. A razón é que a coincidencia en domingo acostuma a acompañarse de interferencias co tráfico de buques mercantes.

A día de hoxe, engadiu Tarrío, Vilaxoán figura no sexto ou sétimo posto da liga, en función do problema sanitario que tivo Cesantes e lle impediu competir. O club anfitrión entrará na segunda quenda do sábado xunto a Mera, A Pobra e Cesantes, unha condición que o presidente espera manter para o domingo. Nas quendas restantes estarán Meira, Mecos, Bueu e Cabo B; e Rianxo, Perillo, Esteiro e Muros.

Os deportistas respectarán escrupulosamente as medidas de seguridade fronte ao coronavirus que estableceu a federación. En canto ao público, Gelo Tarrío pídelle á xente que observe as normas: «E, no fondo, que actúe con sentido común, porque xa todos sabemos o que debemos facer».