Vilagarcía inaugura con «Premio» a tempada de teatro de outono

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

A coprodución da compañía La Quintana Teatro e do Centro Dramático Galego será representada na capital arousá o 25 de setembro

16 sep 2021 . Actualizado a las 09:45 h.

A nova temporada de teatro organizada pola Concellería de Cultura de Vilagarcía e a Agadic estréase o vindeiro 25 de setembro, ás oito da tarde, coa comedia O Premio, unha coprodución da compañía La Quintana Teatro e o Centro Dramático Galego. As entradas para esta divertida función están a venda dende hoxe mesmo a través de ataquilla.com e do teléfono 902504500. Como é habitual, os pases teñen un prezo reducido de 5 euros para o público en xeral, e de 3 euros para maiores, desempregados e titulares do carne xove. O aforo é de 370 butacas.

O Premio, dirixido por Marián Bañobre, é un espectáculo que se estrutura como un reality en directo no que o público vota quen merece levar o premio da súa vida. Baixo o lema de «morrer logrando a fama; todo para un soño», o show prevé tres posibles finais en función dos desexos do público. Trátase dunha comedia áceda que fala da situación das persoas dentro dun futuro próximo.

A tempada teatral de outono inclúe ademais outras dúas funcións: A compañía Elefante Elefante representará a súa obra Dreaming Juliete o 2 de outubro, e o ciclo péchase o 6 de novembro co espectáculo de Ibuprofeno Teatro O mel non caduca.