A achega do Reacpon fará posible financiar novos investimentos en Vilagarcía
AROUSA
A modificación de crédito será debatida no vindeiro pleno
05 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A asunción por parte da Deputación dos case 1,3 millóns de euros que suporá o investimento da transformación da antiga sede do Liceo Casino na nova biblioteca e permitirá que o Concello poida destinar a outros fins os 1,1 millóns que tiña previstos no presuposto municipal para ese proxecto. Deste xeito, cambiando a finalidade dalgúns préstamos e sumando os remanentes de varios exercicios, o goberno de Alberto Varela disporá este ano de 1.012.000 euros máis para dedicar a diversos investimentos.
A parte principal do pastel levaraa a renovación do pavillón de deportes de Fontecarmoa, xa que aos 800.000 euros xa reservados nos orzamentos de 2021, súmanselle agora outros 324.288 euros. Con estes 1.124.228 euros, o Concello dispón xa de boa parte dos 1,7 millóns de euros nos que está presupostada a reforma integral do pavillón. O resto financiarase coa achega da Secretaría Xeral de Deportes, que se concretará en breve mediante a sinatura dun convenio e, de ser necesario, con fondos europeos, a través da Edusi «Vilagarcía Avanza».
O día 13 de xaneiro
Os cambios presupostarios serán debatidos na vindeira sesión plenaria do día 13, que, en realidade é a que correspondería a prevista inicialmente para finais de decembro, e que finalmente foi traslada por acordo da maioría dos grupos. Esa modificación permitirá, ademais de garantir o financiamento do pavillón, suplementar outras partidas xa existentes no orzamento e crear outras novas. Deste xeito, poderanse destinar 157.000 euros á construción da glorieta na avenida de Cambados, na confluencia con Vistalegre e Fontecarmoa, como complemento á reforma do tráfico derivado da construción das ciclovías e o futuro desenvolvemento do primeiro camiño escolar seguro; 48.000 á renovación da rede de abastecemento de auga na mesma avenida; 80.000 euros á renovación do camión guindastre da Policía Local; e outros 169.000 á adquisición doutro camión guindastre para o servizo de Obras.