O PP do Grove leva a pleno a modificación do regulamento que prexudica o sector pesqueiro

l. castro O GROVE / LA VOZ

AROUSA

A voceira do PP do Grove, Beatriz Castro
A voceira do PP do Grove, Beatriz Castro MONICA IRAGO

Os populares solicitan a apertura dunha mesa de diálogo entre o Goberno central e a Xunta

19 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os populares do Grove, representados pola súa voceira, Beatriz Castro, levaron onte ao pleno da corporación municipal unha moción sobre a nova Lei de Cambio Climático que vén a modificar o regulamento xeral de Costas do Estado, e que segundo consideran, prexudica moito ao sector marítimo pesqueiro, «xa que o Executivo central está a facer interpretacións restritivas e esaxeradas da normativa, que poñen en risco máis dun cento de empresas asentadas na liña de costa», explica Castro.

O asunto é de vital importancia, xa que pon en perigo o futuro de moitas instalacións de carácter portuario, ademais de edificacións sociais importantes para a poboación, segundo relatan dende o PP.

O complexo mar-industria

A voceira amosábase bastante preocupada por esta cuestión, que entende como un novo ataque do Ministerio de Transición Ecolóxica contra o complexo mar-industria de Galicia, «xa que a resolución de Costas invade as competencias exclusivas que a comunidade ten na xestión dos peiraos autonómicos», subliñaba. Os populares cren que é preciso dirixirse ao Goberno do Estado para solicitar a apertura dunha mesa de diálogo coa Xunta de Galicia e poder aclarar, sobre todo, o alcance dea dita normativa, que está a afectar aos espazos costeiros, rematando así coa inseguridade xurídica á que se está a someter á actividade marítimo pesqueira galega e que por extensión afecta de sobremaneira á localidade grovense, por canto cuestiona a presenza en terreos portuarios de actividades como poden ser a acuicultura ou a depuración de produtos do mar.