O Umia CF encadea a segunda vitoria, e ante un rival directo (2-0)

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Gañou o Llanera asturiano

31 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Viña o Umia CF coa moral elevada do seu anterior partido, logo de sorprender o Lóstrego a domicilio. Un golpe de efecto que a bo seguro elevou a confianza en si mesmas das xogadoras que dirixe Miguel Cores. E iso, a seguridade nas posibilidades dun mesmo, é sen dúbida un elemento diferencial. Sobre todo, en partidos como o que tocou xogar o pasado domingo, recibindo na Bouza de Barrantes a un rival directo da zona media-baixa da clasificación da Primeira Nacional de fútbol feminino como a UD Llanera.

O 2-0 final naceu do extraordinario grao de acerto amosado polo conxunto local. E é que o Umia foi quen de aproveitar practicamente o cento por cento das súas ocasións de gol, tan escasas como as que puido contar o cadro asturiano no seu paso por Ribadumia, no que deixou a imaxe dun conxunto ávido de balón.

Logo dunha primeira parte sen remates con aparencia de gol, Natalia rouboulle a carteira á porteira visitante na cesión atrás do Llanera tras saque de centro para subir o 1-0. Lonxe de confiarse, o Umia seguiu amosándose coma un equipo sólido na ocupación de espazos e no 80 Minerva Riveira pechou o marcador cun potente disparo frontal desde fóra da área.

Umia: Pipa, Lago, Varela, Sanmartín (Marta, min 83), Álvarez, Bóveda (Macías, min 76), Laura, Natalia, Cristina, Maquieira (Minerva Riveira, min 61) e Pombo (Montouto, min 61).

Llanera: Nerea, Alba (Claudia, min 72), Marta, María, Yaiza (Carlota, min 81), Bárbara (Alicia, min 65), Malena, Sheila, Vera, Beatriz (María, min 72) e Claudia.

GOLES: 1-0, min 46: Natalia. 2-0, min 80: Minerva Riveira.

ÁRBITRO: Asier Fariña. Amonestou as visitantes Malena, Claudia, María e Vera.