Un serán a rebentar no auditorio para lembrar a Juan Barcala

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

X. AMENEIRO

Mañá haberá foliada para homenaxear o gaiteiro de Cornazo

31 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Se cadra haberá tróspiros, chatos de Sansón e augardante, ou solisombras. Ou non, pero un chatiño habería que tomar antes ou despois de ir mañá á homenaxe que se lle dará a Juan Barcala no auditorio de Vilagarcía ás 20.00. Polo que din os que o coñecían ben, parece que lle gustaría un brinde, un aturuxo e un grolo para lembrarse de el. Porque de Juan Barcala, o gaiteiro de Cornazo, lembrarase mañá moita xente. Unha cousa que non tiña por que pasar de ser unha pequena homenaxe , ou con esa intención comezou o conto, vai rematar cun serán que porá o auditorio de Vilagarcía a rebentar. «Foi medrando e tivemos que acabar no auditorio», dixo Manuel Dopico, un dos organizadores do evento. 

Nove serán as formacións que participen na foliada de mañá e Manuel Dopico deu as razóns, todas poderosas, para explicar a elección. Lumarada é de Cornazo, Santa Plácida de Rubiáns, onde tamén tocou Barcala, Mero «é da casa», dixo Dopico, Os demos da pataca, outra das formacións onde tocou Juan, de María Manuela foi músico durante moitos anos «e díxenlle Manueliña, tes que vir a Vilagarcía, e díxome que viría cantar unha canción», Mocidade da Torre foron compañeiros de el, en Nós están familiares de Juan, os Terribles de Arousa son un grupo de referencia para todos e Leixaprén foi onde se fixo músico. Os entrecomillados e as análises corresponden a Dopico, que ben que o coñecía, a nivel persoal e profesional. «Gravamos dous discos e estivemos dous anos petando forte. Non se entende Leixaprén sen Juan», apuntou Manuel.

A concelleira Sonia Outón gabou a Barcala, que finou no xuño do 2021, do que dixo que era un orgullo para Vilagarcía, como gaiteiro e como compositor, e lembrou o Pasodoble de Leixaprén, un referente da música tradicional galega, como tamén dixo o alcalde Alberto Varela, que dixo que a homenaxe faise con todo o cariño do mundo.