O Salnés lidera xunto a Santiago a caída do paro en Galicia no mes de marzo

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O número de persoas na procura de traballo baixou en 183, aumentado 11 no Baixo Ulla

02 abr 2024 . Actualizado a las 19:09 h.

É o de marzo un mes tradicionalmente feliz na estatística histórica do paro rexistrado en España, máxime, cando o calendario relixioso sitúa na terceira folla do calendario a Semana Santa, coma este ano. Os datos proporcionados este martes polo Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones ratificaron a constante, con 33.405 persoas menos inscritas nas oficinas do Servicio Público de Empleo no conxunto de España, caendo ata as 2.727.003. En Galicia, o descenso foi de 1.572 demandantes de emprego, situándose a nova cifra nos 129.011, cunha variación mensual do 1,20 % liderada polas comarcas de Santiago de Compostela, con 195 traballadores menos na procura dun contrato, e do conxunto dos nove concellos do Salnés, cunha redución de 183.

O tirón da Semana Santa deulle a volta á tortilla ao mercado laboral dunha comarca que só trinta e un días antes pechara febreiro co maior número de novos parados de entre todas as bisbarras da comunidade, 109. Dos 5.557 demandantes de emprego de febreiro pasouse no Salnés aos 5.374 de marzo, nunha caída do 2,73 % que máis que dobra a da media galega. Mesmo excluíndo Sanxenxo, a localidade máis dependente dos fluxos turísticos, que viu saír a 48 parados das listas do servizo público de colocación, pasando dos 620 aos 572, o conxunto dos oito concellos da ría de Arousa e do interior da bisbarra saliniense presentan o segundo mellor rexistro de Galicia o mes pasado, 135 desempregados menos, de 4.937 a 4.802, por diante de Vigo, con 134 desocupados por debaixo da cota de febreiro, e ca Ferrolterra, con 131.

En termos absolutos, Vilagarcía de Arousa liderou a mellora da estatística laboral o mes pasado, con 52 parados menos, dos 2.497 do rexistro anterior aos 2.445 do último computado. O Grove, xunto con Sanxenxo, o concello con maior dependencia do sector turismo, anotou unha caída de 31 desempregados, dos 481 aos 450. Séguenlle Meaño, con -18 (dos 200 cos que despediu febreiro aos 182 de marzo), Cambados, con -15 (de 652 a 637), A Illa de Arousa, con -11 (de 187 a 176), Meis, con -6 (de 202 a 196) e Vilanova de Arousa, con -2 (de 544 a 542). Ribadumia foi, curiosamente, o único municipio que non se beneficiou dunha mellora na súa bolsa de parados, repetindo os 174 do mes anterior a pesar de congregar nos catro últimos días de marzo a 80 equipos alevíns e máis de 4.000 deportistas e acompañantes na fase previa do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7.

O sector servizos tira do carro

De que a Semana Santa está detrás do descenso do paro no Salnés o mes pasado da fe a concentración do groso da caída da cifra de persoas na procura dun emprego no sector servizos: 146 das 183 (102 das 135 excluíndo Sanxenxo). As 37 restantes repártense entre as 22 do sector da construcción, as 5 da industria e os 2 desocupados menos no segmento da agricultura e da pesca, aos que hai que sumar 8 demandantes menos no servicio público de colocación sen un emprego anterior.

O bo comportamento nas catro últimas semanas do mercado laboral do Salnés, en particular, e de Galicia, en xeral, non foi compartido nos tres concellos do Baixo Ulla. En todos eles, coa industria gozando dun maior peso no conxunto das súas economías locais e o turismo como actividade menor, aumentou o número de parados rexistrados. Catoira sumou 6, pasando dos 141 aos 147, Valga 3, de 250 a 253, e Pontecesures 2, elevándose o seu número total dos 137 aos 139. A suma dos rexistros dos tres municipios deixa en 539 as persoas na procura de traballo a través das oficinas públicas de emprego, 11 máis (+2,1 % mensual) cas 528 ao peche de febreiro, cando o paro descendera en 16 persoas.