Música, viño e solidariedade na Fundación Manolo Paz

R. c. / s. g. CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Mónica Irago

26 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O verán de Arousa amosa múltiples facianas. Están as praias e sol, como a boa gastronomía, o excelente viño ou os frescos bosques de ribeira. O mar, sempre e en todo presente. Pero hai, tamén, un verán de precariedade, de dificultades que estrangulan a demasiadas familias, un verán que ameaza con deixar atrás a quen apenas pode ir tirando. Por iso, iniciativas coma a que a bodega Paco & Lola sostén cada ano co ciclo Son & Sal acadan especial importancia. Onte, o seu programa arrincou na Fundación Manolo Paz, en Cambados, cunha «mestura de música, arte, viño, paisaxe e solidariedade que funciona».

Foi Samuel Lago, o alcalde, quen definiu así a xornada inicial deste ano, que onte contou coa voz emotiva de Belem Tajes. Canto se recada vai destinado ao Banco de Alimentos Rías Baixas, cuxa presidenta, Dora Pérez, agradeceu a iniciativa e chamou a atención sobre as situacións dramáticas que a súa organización contribúe a paliar. Carlos Carrión, presidente da adega, pediu un aplauso para todos os presentes pola súa elección solidaria. E Manolo Paz, o escultor, brindou e recibiu como o bo anfitrión que é.