
O programa de actos ábrese o Venres de Comadres e remata o domingo de Piñata
19 feb 2025 . Actualizado a las 15:02 h.A Illa quece motores para un Entroido que nesta localidade vívese con gran participación. A programación ábrese o día 28 pola noite co Venres de Comadres, as ceas organizadas para a ocasión e unha festa desde medianoite ata as catro da mañá con discomóbil, chocolate e sorteos de agasallos. O domingo entrarán en escena os liborios, co tradicional desfile a partir das 13 horas e a charanga os Encerellados amenizando a sesión vermú; xa pola tarde, ás 17 horas empezará a soar a música na carpa instalada na praza do Regueiro para dar paso ás seis ao pregón e posterior desfile de liborios. Tampouco faltarán o domingo os sorteos e sorpresas, segundo anuncia a organización que corre a cargo do colectivo Festas Culturais.
O luns 3 chega o día grande do entroido na Illa co gallo do desfile de disfraces que percorre o pobo, con saída da casa do mar ás 17.30 horas. Desta volta, a animación correrá a cargo de Producións Sarao e os seus Duende locos e da charanga Os Encerrellados. A festa continuará no Regueiro cunha nova sesión de discomóbil, primeiro para os cativos e a parir das 23 horas, para os maiores. Ese luns A Illa recibe a milleiros de persoas de toda a comarca coincidindo con que alí é o día grande e que o Entroido decae no resto dos concellos á espera dos desfiles do martes.
Case sen tempo para coller folgos, os veciños da Arousa están convocados o martes para volver a disfrazarse, esta vez de temática medieval e ao reclamo de máis música e regalos na praza do Regueiro.
O Mércores de Cinza haberá lume e loito na Illa —o Enterro do Liborio sairá do Naval ás 18 horas—, pero iso non quere dicir que remate aí o Entroido. Aínda quedan os días de Piñata. O sábado ás 17.30 horas sairá o desfile de carrozas da casa do mar seguido de tirada de fogos de artificio e de festa rachada no Regueiro. O domingo será a quenda das comparsas, que primeiro desfilarán e logo actuarán no auditorio.