«Debí tirar más agua» en vez de fotos: Actualidade e tradición mestúranse nas camisetas da Festa da Auga
AROUSA
En Lamarka Publicidad, en Vilagarcía de Arousa, levan xa vinte anos facendo camisetas humorísticas sobre as Festas de San Roque
12 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Se hai algo característico das festas, e sobre todo das Festas de San Roque, son as camisetas personalizadas para os grupos de amigos. Débora Fontenla, da tenda Lamarka Publicidad, en Vilagarcía, leva xa vinte anos creándoas e sabe moi ben do que fala. «Hai grupos que viñan a facer a camisetas aquí cando tiñan 16 anos. Creceron e agora xa as piden para os seus fillos», explicaba a muller.
Na Festa da Auga a tenda vende máis de mil prendas de roupa e estas poden ser feitas por eles ou totalmente personalizadas polos clientes. Os temas e as frases graciosas elixidas por cada grupo varían moito, pero por norma xeral son unha combinación entre a tradición da propia festa, o humor e a actualidade ou cultura pop. É así como o ano pasado Barbie foi a idea común da que partían moitas das camisetas, mentres que en 2022 o protagonista foi o disco de C Tangana El Madrileño, con frases como «Tu me dejaste de mojar», en vez de querer. Este ano, o tema gañador é o novo álbum de Bad Bunny, do que saen frases como «Debí tirar más agua» en vez de «Debí tirar más fotos».
Os prezos por artígo soen roldar os 10 euros e o 90 % das persoas que encargan camisetas son veciños da zona, pero «hai xente que ven dende fóra só para a Festa da Auga e encargan as camisetas por internet», así o xoves 14 xa poden ir a recollelas.