Salamanca, primeira parada do Sigaltec no regreso vilagarcián ao baloncesto masculino nacional
AROUSA
Os de Luis Gabín enfróntanse a un Perfumerías Avenida candidato ao ascenso
04 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ás dez da mañá tiña prevista a súa saída a expedición do Sigaltec CLB con destino ao Pabellón Municipal Wurzburg Silvia Domínguez de Salamanca. O escenario no que o conxunto que dirixe Luis Gabín devolve, ás 19 horas, a Vilagarcía ao mapa do baloncesto masculino nacional 16 anos despois da renuncia do Inelga BBC á desaparecida EBA. O seu primeiro rival, o Perfumerías Avenida.
Tras tres lustros, o Sigaltec CLB atópase cunha competición, a Tercera FEB, de cinco grupos divididos á súa vez en dez subgrupos. O A-B é no que pelexa o equipo arousán, que ten por primeira misión evitar os catro descensos, coma complicación que iso ten nunha competición regular con tan só catorce conxuntos en lid.
A misión endurécese por canto, ao contrario que moitos dos seus rivais, con cadros de xogadores cheos de nomes estranxeiros, o club vilagarcián apostou pola continuidade case total dos baloncestistas da casa cos que hai uns meses conseguía o salto de categoría tras cinco fases de ascenso consecutivas.
Así, o Sigaltec tan só supliu as dúas baixas obrigadas, as do á-pívot Gus Andújar, retirado, e a do aleiro Martín Chorén, que se tivo que mudar á Coruña por estudos. Miguel Gil, procedente do Noia, e o grovense Mateo Bello, que viña xogando no Marín, son os seus recambios.
«Queremos ser competitivos cada día. Logo as vitorias e as derrotas xa dependerán da capacidade física nosa e do rival, e do grao de acerto cada día», declaraba onte Luis Gabín. «O obxectivo», engadiu, «é que os rapaces do club e da contorna poidan xogar ao máximo nivel. Ascendemos, e queremos demostrar que non estamos de prestado». Dito isto, «loxicamente, nunha liga de catorce equipos na que descenden catro sabemos que a nosa situación e ter que loitar na zona de abaixo» cun cadro de xogadores falto de centímetros e de corpulencia.
Sen ir máis lonxe, o Sigaltec encara hoxe a un dos candidatos a disputar a vindeira fase de ascenso, con tres estranxeiros nas súas filas, incluídos un pívot holandés e dous xogadores estadounidenses. Entre eles o base-escolta Aamari Smith, con 25 puntos de promedio por partido na Copa Castilla-León de Tercera FEB que gañou o Perfumerías Avenida. Ante este arsenal, o Sigaltec tentará aproveitar a súa excelente posta a punto, con catro partidos de Copa Galicia en dez días, tres vitorias e o subcampionato.