O Concello de Ribadumia colabora coa Escola Galega de Adestradores na organización da primeira edición dun curso para a obtención do primeiro nivel de adestrador, o UEFA C, na localidade do Salnés.
O director da EGA, Manolo García, presentaba onte a iniciativa na casa consistorial ribadumiense acompañado do seu alcalde, David Castro, e mais do vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, José Manuel Fernández. García explicou que «desde a Escola, de vez en cando, cando hai certo número de xente fóra das localidades das nosas delegacións interesada, e concellos colaboradores, organizamos estes cursos». Neste caso, «había xente interesada no Salnés», e unha Administración disposta a axudar.
Deste xeito, a partir do vindeiro martes, día 21, haberá 37 alumnos dispostos a formarse durante meses para a obtención do nivel máis baixo do escalafón de adestradores, que permite dirixir a nenos. Con clases presenciais e online, as primeiras, os martes, sobre técnica, sobre táctica e sobre preparación física. E a partir de xaneiro, con seis meses de prácticas en clubs, nos que os alumnos do curso de adestrador UEFA C pulirán o aprendido na aula.