Arosa é absolto do proceso de acoso laboral que arrastraba dende hai dous anos
AROUSA
O alcalde arousán fora denunciado polo anterior xefe da Policía Local
13 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O alcalde da Illa, Luis Arosa, fixo pública onte a resolución xudicial do proceso no que se atopaba inmerso dende hai máis de dous anos, trala denuncia por acoso laboral interposta polo anterior xefe da Policía Local na súa contra.
O xulgado do social nº3 de Pontevedra absolveu a Arosa considerando que as acusacións carecen de fundamento e que en ningún momento a parte demandante puido acreditar ningún comportamento constitutivo de delito, segundo informou o propio rexedor, que tamén transmitiu que o xuíz encargado da causa considerou que o alcalde arousán actuou «dentro do marco das súas funcións públicas e coa corrección debida, excluíndo toda responsabilidade persoal e limitando o caso a cuestións de carácter administrativo relacionadas co funcionamento interno da administración».
Arosa amosouse satisfeito coa resolución xudicial e agradecido co seu entorno. «A xustiza confirmou o que sempre defendín: que actuei con respecto, rigor e transparencia», declarou. Expresou, ademais, a súa intención de continuar reforzando as medidas de prevención e benestar laboral no seo do Concello, co obxectivo de «garantir un entorno de traballo baseado no respecto e na convivencia».