De que o presidio dos xuíces é a lei

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

É difícil soportar a barafunda política en xeral

30 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

É difícil soportar a barafunda política. Estamos no peor momento en canto ao nivel cultural e profesional da clase política, en xeral. Moitos dos seus membros non teñen a onde volver. Un problema. O caso do fiscal xeral do Estado, con quen compartín nove meses de xuízo no caso do Prestige e o posterior recurso diante da mesma Sala Segunda do Tribunal Supremo presidida daquela por Manuel Marchena, ten a súa orixe na crispación política da capital. Sen ese algareo madrileño nunca ocorrerían estes feitos.

Teño interese profesional en coñecer a motivación xurídica da leve condena a Álvaro García Ortiz, quen tan bo labor exerceu no xuízo do Prestige e, en Galicia, como fiscal de Medio Ambiente. Ademais, hai poucos días falou galego nun acto do Tribunal Superior. Unha cuestión preliminar: no sistema xudicial español, os xuíces só aplican a lei; non inventan sentenzas. E a lei constrúena e cámbiana os lexisladores. O artigo 417.1 do Código Penal é coñecido neste noso Salnés por seren frecuentes as condenas por revelación de datos e segredos por funcionarios e axentes da orde que comunican matrículas, direccións, investigacións. Temos unha manchea desas sentenzas.

Imos alá: para empezar, hai que mencionar que o Tribunal Supremo foi competente porque o cargo de fiscal xeral está aforado, un privilexio coa pexa de non caber recurso contra a súa sentenza, senón petición de nulidade e posterior amparo diante do Tribunal Constitucional. Non ten dobre instancia: un defecto da lexislación procesual española, denunciado por organismos internacionais. Non hai que esquecer a intervención de Consuelo Castro, a máis destacada xurista galega, que me dou a impresión de que prevía a sentenza e preparou as bases dese futuro amparo constitucional. As acusacións neste xuízo imputaron a Álvaro García Ortiz unha morea de condutas delituosas. O fallo absolveuno de todas, menos dunha. Só o condena polo apartado 1 do artigo 417 do Código Penal: revelación de datos ou segredos que non deberan ser divulgados.

As acusacións do querelante particular e do Colexio de Avogados de Madrid foron rexeitadas —disto non se fala— e estimada a da Asociación Profesional e Independente de Fiscais, exclusivamente no que atinxe a ese artigo 417.1 do Código Penal —non hai peor cuña que a da mesma madeira—. Vox, Fundación Foro Libertad y Alternativa, Hazte Oír e Manos Limpias pediran condenas por prevaricación e infidelidade na custodia de documentos. Absolto de todas.

Os avogados tratamos arreo coa Fiscalía pero se non hai acordo a negociación non existe para o xuízo. A nota de prensa de marzo do 2024, de autoría recoñecida do FXE, emitida, dixo el, para defender á Fiscalía fronte a manipulacións interesadas, deu detalles como quen era acusado de defraudador pola Axencia Tributaria, nome do avogado deste e que se recoñeceran delitos de defraudación tributaria e falsidade documental. Hai que debater se se precisaba esa divulgación.

O instrutor do procedemento afirmou que esa nota, ao contrario do que defendeu o FXE, menoscababa o prestixio da Fiscalía, sometida aos principios de legalidade e imparcialidade e que podería afectar ao dereito de defensa do presunto defraudador. Ese propio instrutor sinalou que posiblemente só se infrinxía o citado artigo 417.1, pero tamén admitiu acusacións polo 417.2 e por outros tipos penais. O fallo publicado agora condena polo artigo 417.1 e absolve de todos os demais delitos.

Ata agora, o Tribunal Supremo ensinaba que coa confidencialidade dos funcionarios preservábanse os principios de neutralidade, igualdade e obxectividade da Administración pública e que a divulgación de datos non podería lesionar os dereitos á reputación e á vida privada e familiar. A cuestión, polo tanto, é se as informacións que tiña a Fiscalía poderían desvelarse en defensa desa institución sen danar eses bens xurídicos protexidos. Non é disputa doada. Haberá que ler con minuciosidade o razoamento dos maxistrados coincidentes e das dúas discrepantes. Un debate xurídico de altura perturbado por un ruído atronador. A discusión política debería estar en se o artigo 417.1 do Código Penal está ben ou mal redactado polo lexislador; en vez diso, atácase aos maxistrados que o aplican. Esta lea naceu no barullo insoportable da política madrileña e aí segue. Deprimente.