A artista afincada no Carril propón na sala Rivas Briones un diálogo entre a fermosura e o extravío
30 nov 2025 . Actualizado a las 19:33 h.O comisario de exposicións Alfonso González-Calero formulaba onte, ao longo dunha primeira incursión en Unánimes Incesantes, unha interrogante fundamental que a mostra que Berta Ares vén de inaugurar na sala Antón Rivas Briones resolve ás primeiras de cambio. É posible expresar a dor, a mancha, o extravío a través da beleza? Logo de contemplar esta escolma de delicados fragmentos de escuridade, a resposta só pode ser afirmativa.
Non todo o mundo estaría de acordo, pero se aceptamos que a esencia da obra de arte, ou cando menos un dos seus trazos definitorios, descansa na súa capacidade de ser sometida ao escrutinio do outro, dese observador a quen interpela, haberá que recoñecer nas creacións que Berta Ares propón unha calidade formidable: o xeito no que habitan o espazo no que son contempladas.
Estas incesantes chamadas á conciencia que a creadora amosa na Rivas Briones semellan feitas para ser expostas aquí e agora. Apodéranse do lenzo branco que é a sala de arte de Vilagarcía case con tenrura para expresar a súa dura mensaxe contra o maltrato do medio natural e humano, a deshumanización rampante, o descoido absoluto que, de forma crecente, van caracterizando unha sociedade occidental que semella empeñada en facer saltar polos aires canto de bo puido ir construíndo ao longo do tempo. E con ela, tamén todo o demais. Nada está a salvo.
Berta xoga con redes, arames e cores para tecer unha arañeira estética na que a vista fica atrapada, ofrecendo tempo abondo para que o fondo da súa intencionalidade vaia emerxendo. Os trasmallos salpicados de cores debuxan unha fermosa analoxía da implacable morte de rías e océanos. Os rostros que devolven a ollada dende a parede, enleados entre fíos de suaves tonalidades, parecen representar a perda de senso, a sedutora trampa da que ninguén escapa. Se cadra, o maltrato do home polo home.
Non todas estas Unánimes Incesantes funcionan igual. Berta concede varias oportunidades á mensaxe directa, sen renunciar por iso á construción doutros fermosos anacos de desesperanza. Ese río mesto e mouro que cae dende o primeiro andar resulta semanticamente transparente na súa negrura. Como escuras son tamén as caras que agroman na segunda planta, almas remendadas que conflúen nunha instalación de tres homiños brancos espetados de cabeza no chan fronte a un espello. Malia o tráxico do seu destino, non poden evitar resultaren simpáticos, tal vez procurando redención a través do humor. Será que, ao cabo, o sorriso é o último que se perde.
Ata o 11 de xaneiro. «Unánimes Incesantes» é a primeira exposición de Berta Ares na Rivas Briones dende o 2002. Aquela mostra coincidiu co ano do Prestige, coma o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, subliñou onte. Fíos que o azar tece. Varela e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, acompañaron á creadora e ao comisario Alfonso González-Calero na súa presentación.