A obra de Julia Donaldson e Axel Scheffler chama a atención pola súa proposta estética e narrativa
29 nov 2025 . Actualizado a las 22:01 h.A editorial grovense Patasdepeixe anuncia novidade editorial no seu catálogo de títulos publicados en lingua galega. Trátase de A cornecha e a xibardo, un álbum ilustrado da inglesa Julia Donaldson e do alemán Axel Scheffler, que chama a atención pola súa proposta estética e narrativa. Unha fábula contemporánea protagonizada por dous animais ben distintos de tamaño pero ben parellos na forma de ver o mundo, que navegan xuntos partillando centos de aventuras, atravesando mares de corais ou glaciares xeados, marabillados coa inmensidade do mundo.
A obra convida á reflexión sobre a amizade, a diferenza e o valor de construír pontes entre mundos distintos. A historia nace da imaxinación de Julia Donaldson, unha das escritoras de literatura infantil máis coñecidas do mundo e creadora tamén do famoso Grúfalo, e vén de ser traducida ao galego pola firma do Grove, achegándolles aos lectores un libro con ilustracións moi expresivas e cun coidado tratamento da cor da man do alemán Axel Scheffler. Trinta e dúas páxinas de sinxela pero emocionante lectura, nas que a tradución corre a cargo de Laura Sáez e Sandra Sánchez, e promete ser o deleite dos pequenos este Nadal.
A cornecha e a xibardo é un libro dirixido tanto ao público infantil como ao adulto que goce da literatura ilustrada, e vén engrosar unha extensa colección de publicacións que forman parte do imaxinario de Patasdepeixe. Segundo explican dende a propia editorial, a obra combina humor, delicadeza e simbolismo, co enxeño de Scheffler, que co trazo inconfundible das súas ilustracións, potencia as historias que acompaña.
Patasdepeixe continúa apostando por unha coidada selección de obras que sobresaen polo especial das súas historias, pola súa orixinal presentación e pola creatividade nas súas ilustracións para fomentar a lectura en lingua galega grazas a títulos que normalmente non son doados de atopar.