Do trasfego de influencias

AROUSA

Imaxe dunha das zonas de aparcamento da illa da Toxa.
Imaxe dunha das zonas de aparcamento da illa da Toxa. MONICA IRAGO

Estes días estase a falar moito do delito de tráfico de influencias, no fondo é un xeito de baldeirar o diñeiro públio, pero para xulgar esa conduta hai que fiar moi fino

07 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Trasfegar vén sendo tanto trasladar cousas dun lugar, como pasar un líquido dun recipiente a outro. Cando se fai viño —traseghar, dise por aquí— un dos labores, que ten por finalidade ir clareando, é traspasar o líquido dun bocoi no que fermentou a outro onde, sen tanta impureza, continuará a facerse. Implica, claro está, baldeirar o primeiro envase. Desde o latín ese verbo trasfegar, palabra antiga, derivou en traficar, e de significar sobar coas mans pasou a querer dicir levar de aquí para alá. Estes días estase a falar moito do delito de tráfico de influencias. Tamén é conduta punible que vén de vello; no fondo é un xeito de baldeirar o diñeiro público, traseghalo; pero para xulgala hai que fiar moi fino.

Evidentemente non son suficientes os atestados policiais; e menos os que teñen os gravísimos defectos de prexulgar intencións —que difícil!— ou mesturar feitos con opinións, intuicións ou interpretacións. Dos atestados interesan só os feitos. E punto. Aínda que a clase política actual teña tanta présa por condenar. Nese senso estean atentos á próxima sentenza que se vai ditar no asunto do irmán do presidente do Goberno, que, polo que se vai vendo, era o máis competente, con diferenza, dos que se presentaron á praza da Deputación de Badaxoz.

O tráfico de influencias, como todos os delitos, está descrito polo poder lexislativo no Código Penal. Os xuíces, ou o xurado, serán os que teñan que subsumir os feitos no tipo penal despois de apreciar coa contradición debida —que importantes son os avogados!— as probas. Hai tres tipos de delito de tráfico de influencias. Un no que o suxeito activo é un funcionario, outro no que o é un particular e un terceiro propio dos falabaratos. Nos dous primeiros casos trátase de que mediante influencia se pretenda conseguir unha resolución administrativa que poida xerar un beneficio económico, aproveitando a relación xerárquica ou persoal sobre o funcionario responsable de decidir. Polo tanto, para que exista tráfico de influencias sempre terá que haber un funcionario que se dobregue á presión exercida sobre el para favorecer a alguén, trasfegando, traseghando, fondos públicos. Por iso sempre haberá que identificar o funcionario que se deixou influír. Se non se identifica, non haberá delito. Un terceiro tipo é o de quen se ofreza a realizar ese trasegho pedindo un beneficio para si a cambio de influír; unha conduta moi propia de axencias, particulares, ex de calquera cousa, en fin: vendefumes, xente sen outro oficio nin beneficio que pulula arredor da Administración.

A existencia do delito de tráfico de influencias non impide poder falar cos funcionarios para tramitar ou, por exemplo, saber como vai un expediente e, incluso, para que os funcionarios atendan e reciban os coñecementos alleos á Administración. Por iso é fundamental, o que non é o propio dun atestado policial, entender o que significa influír, porque non se pode ver por definición os funcionarios como maleables. Pola contra: a norma xeral é a total integridade e que decidan legalmente. É o normal. Por iso a xurisprudencia di que esa influencia ten que exercer unha «presión moral eficiente» e alterar o interese público; non chega con pedir información, mostrar interese ou facer unha suxestión. O Código Penal non é un código de condutas morais e, polo tanto, é necesario demostrar que a presión exercida deu lugar a unha resolución ilegal; é dicir a orde, suxestión, convite ou instigación ten que alterar o procedemento legal.

Chegados a este punto, hai que ter en conta que está permitido, e é razoable, que haxa grupos de intereses, mediáticos, institucionais, de colectivos concretos, —tamén os chamados lobis, que a UE pide a España que se regulen—, que deban falar coa Administración pública. Saber onde empeza e onde acaba a xestión, a defensa de intereses, e onde empeza a corrupción delimítase por unha liña tenue e quebrada, que pode ser máis ou menos amoral, pero non delituosa. Por poñer un exemplo nestes días no Grove, o que podemos entender como o lobiño de Hotusa, que lle está a botar un pulso a ese Concello para, dun xeito ou outro, influír nas competencias municipais de circulación de vehículos -tráfico. Visto desde fóra, aínda non parece delituoso. Que se saiba simplemente fan suxestións. Non parece haber prebendas, nin ningunha clase de retribución.