O BBC, sobre o divorcio do CLB: «Levamos un golpe de realidade. Se hai que volver sentarnos, sentarémonos»
AROUSA
A directiva do Basket Base Club di querer continuar co proxecto dunha única base, pero non cun novo acordo co Cortegada, senón entre xente que crea nun novo club unitario
09 jun 2026 . Actualizado a las 21:01 h.«Démoslle moitas voltas a todo. Queriamos ter claro o que queremos dicir». O presidente do Basket Base Club (BBC), Isidoro Canabal, pedía desta forma desculpas por non ofrecer ata este martes as explicacións que os case 400 xogadores do CLB e as súas familias levaban agardando desde que a pasada fin de semana a Agrupación Deportiva Cortegada anunciase o final do proxecto de canteira común que ambas as dúas entidades viñan desenvolvendo nos últimos doce anos. Recoñecendo diferenzas críticas irreconciliables entre as dúas directivas, Canabal manifesta a disposición do BBC a sentarse de novo para darlle continuidade á relación máis aló da conclusión dun convenio que dá por definitivamente morto. Porque o que queren Canabal e os seus compañeiros de xunta non é un novo acordo entre dous clubs, senón, di, «crear un espazo aberto e único, de formación e de educación para o baloncesto, no que teñan cabida nenos e nenas con afán competitivo e non competitivo, dirixido por unha directiva que non se determine por cotas do BBC e do Cortegada, senón que estea integrada por xente que traballe convencida nesta idea».
Consciente do tremendo golpe encaixado polos centos de integrantes da inda hoxe unida familia CLB tras coñecer o contido do comunicado do Cortegada, e logo de ver a reacción dos xogadores, técnicos e pais ante un divorcio ás portas que ninguén vira vir, agás os directivos dos clubs implicados, desde o BBC ofrecen un relato cronolóxico de como se chegou a esta situación crítica.
«Hai dous anos procedemos a cambiar o acordo que no 2014 asinaramos os dous clubs e o Liceo Casino, que xa non existía. Aí comezan as complicacións», conta Isidoro Canabal, por canto o BBC tería insistido xa nese momento no seu desexo de culminar a fusión completa e formal que inspirara dez anos atrás o proxecto CLB, que xa non só amparaba as canteiras, senón tamén a todos os equipos séniores, agás o conxunto profesional do Cortegada na LF2. Non vendo a mesma predisposición na outra parte, «puxémoslle ao acordo unha caducidade de dous anos: se saía ben, perfecto, se non, que non nos atara nada. Tiñamos puntos de vista diferentes sobre como estruturar un club. Nós empezamos a poñer enriba da mesa un único club, sen distinción entre masculino e feminino, sen dúas partes acordando cada cousa», sinala Canabal.
Só un ano precisou o BBC para telo claro: «A principios desta tempada dixémoslle ao Cortegada que non iamos renovar o convenio nos termos do que vence o 30 de xuño». En abril, relata Isidoro, houbo unha xuntanza entre directivos dos dous clubs, e o Cortegada manifestou o seu desexo de renovar o convenio. «Nós mantivemos que tal como estaba non iamos continuar, que queriamos un espazo aberto, a través dun novo club, ou poñendo todo baixo un CIF (Código de Identificación Fiscal) único, que por lóxica debera ser o do BBC, por ter máis licenzas de equipos —os conxuntos do CLB compiten con licenza dos dous clubs que o compoñen, ao non existir como entidade federada—, e que Cortegada mantivera o seu CIF para o equipo de LF2».
Pasados quince días, Canabal recibiu a chamada do avogado especialista en dereito deportivo Yago Casal, que se comunicou con el para anunciarlle que a partir de entón representaría o Cortegada na negociación. Da man de Casal, o club feminino aceptou crear un club novo ao que transvasar toda a canteira, e achegar á súa directiva persoas da contorna do Cortegada, pero alleas á súa xunta reitora. O BBC apreciou o avance, pero pareceulle insuficiente, por entender que o Cortegada «buscaba acentuar a separación entre masculino e feminino, e nós apostamos por que non haxa diferenciación ningunha á hora de xestionar a estrutura da base». Tras un mes encallados neste punto, e na procura de desatascar a negociación, o Cortegada cambiou de interlocutor. O luns da semana pasada Nuria Rubio, Alba Gorgoso e Alejandra Nogueira, as elixidas polo club feminino para representalo na hipotética directiva do novo club CLB, sentáronse na mesa. Foi, lembra Canabal, «unha reunión demasiado longa», da que «todo o mundo saíu con reticencias cara ao exposto pola outra parte».
Casal enviou un ou dous días despois un resumo das semanas de negociacións cunha proposta do Cortegada e un prazo de 48 horas para contestar. O sábado chamou a Canabal, este non lle puido coller, e o seguinte foi o comunicado da agrupación deportiva anunciando o punto final ao CLB.
«Se demos a sensación de que as conversas estaban finalizadas, mal transmitido pola nosa parte», asume o presidente do BBC, antes de confesar o grolo amargo que os directivos do seu club tiveron que beber o luns, con reproches e caras de desaprobación de xogadores e de técnicos véndose ter que escoller entre os dous clubs e separarse de compañeiros e de adestradores de toda a vida. «Deunos un golpe de realidade», afirma Canabal. «Non queremos que ninguén teña que decidir ir a un ou a outro lado. Queremos esgotar ata a última oportunidade que teñamos para seguir crecendo xuntos». E «se hai que volver sentarnos para conseguilo, sentarémonos».
Remarcando que «a nosa intención non é absorber nin quedarnos con nada», no BBC entenden que a opción dun futuro unido pasa por deixar que os directivos que debutaron este ano nos dous clubs o negocien sen cortapisas.