Nunca é tarde para que unha muller sexa a protagonista da súa propia vida

La Voz

A ILLA DE AROUSA

CEDIDA

Contraproduccións e o CDG preestrean «A compañeira de piso» no Auditorio da Illa

22 feb 2019 . Actualizado a las 12:24 h.

Sábado • A Illa • Auditorio • 21 h • 5 euros • O Auditorio da Illa reafírmase como referencia fundamental do teatro galego coa preestrea absoluta de A compañeira de piso, unha obra dirixida por Belén Pichel e Cándido Pazó e interpretada por Patricia Vázquez e Rebeca Montero. 

Destacada pola crítica americana como «unha mestura de Thelma & Louise, A estraña parella e Breaking Bad», a obra formula a historia de dúas mulleres de 50 anos cumpridos, moi diferentes entre si, unha ama de casa de Iowa e unha lesbiana e vegana do Bronx, que coinciden no mesmo piso e deciden darlle un cambio ás súas existencias para seren, por fin, as protagonistas das súas vidas. «A cuestión é que queren facer o cambio en direccións opostas, e de aí xorde o humor da obra», explica Belén Pichel.

Conta a directora desta primeira adaptación ao galego de A compañeira de piso que a súa autora, Jen Silverman, escribiu este texto cando se decatou de que as mulleres de arredor de 50 anos nunca eran protagonistas de nada. «Sempre eran as nais de, ou as mulleres de, pero nunca as protagonistas absolutas, coma neste caso, no que non hai home ningún de por medio».