A Illa recibe o premio ao concello galego de menos de 15.000 habitantes coa mellor xestión deportiva

La Voz A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

A xerente da Fundación Deportiva Municipal da Illa de Arousa, Paula Dios, o alcalde da localidade, Luis Arosa, e o seu concelleiro de Deportes, Poza, co recoñecemento á Fundación e ó Concello como Mellor Concello galego de menos de 15.000 habitantes nos Premios Galicia á Xestión Deportiva da asociación Agaxede.
A xerente da Fundación Deportiva Municipal da Illa de Arousa, Paula Dios, o alcalde da localidade, Luis Arosa, e o seu concelleiro de Deportes, Poza, co recoñecemento á Fundación e ó Concello como Mellor Concello galego de menos de 15.000 habitantes nos Premios Galicia á Xestión Deportiva da asociación Agaxede. Cedida

O alcalde da localidade declarou na gala de entrega de Agaxede que o recoñecemento «pertence a toda a Arousa»

29 nov 2025 . Actualizado a las 19:28 h.

A cidade de Lugo foi o venres escenario da gala dos Premios Galicia á Xestión Deportiva, que cada ano entrega a Asociación Galega de Xestión Deportiva (Agaxede). Entre os galardoados nesta ocasión figuran o Concello e a Fundación Deportiva Municipal da Illa de Arousa. No seu caso, como recoñecemento á mellor xestión entre os municipios galegos de menos de 15.000 habitantes.

O xurado, informa o goberno local arousá, salientou a aposta do Concello e da Fundación por fortalecer o deporte base, por promover hábitos de vida saudables, por mellorar a calidade das instalacións e dos servizos deportivos, e por profesionalizar o sector mediante a contratación de persoal titulado. Xunto ao anterior, o fallo do xurado valorou o papel fundamental da Fundación como coordinadora e artífice de todas as actividades e proxectos deportivos do municipio, garantindo unha xestión eficiente e de calidade.

Acompañado polo seu edil de Deportes, Poza, e pola xerente da Fundación, Paula Dios, o alcalde da Illa, Luis Arosa, declarou no acto: «Este recoñecemento pertence a toda a Arousa e é unha motivación para seguir apostando por un modelo deportivo inclusivo, profesionalizado e próximo á cidadanía». O rexedor agradeceu o labor tanto da Fundación como da asociación de mexilloeiros local, o seu sostén económico.