O Carme de Vilaxoán e o anarquista

Teo cardalda f.

CAMBADOS

Mónica Irago

16 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

c ada ano, o 16 de xullo celébrase en Vilaxoán a festa da Virxe do Carme. Estas festas sempre tiveron unha forte raizame que ven dende moi lonxe nos tempos, onde a primeiros do século pasado os mariñeiros desta vila tiñan moitos problemas de natureza social e económica, malia destes atrancos xamais se esqueceron de festexar este evento relixioso e social; sendo como dato máis que curioso que tamén é festexada polos non crentes. Esta fermosa talla escultórica da imaxe da Virxe do Carme que neste ano de 2017 cumpre cen anos. No ano 1917 foi encargada a súa construción a un escultor de Santiago de Compostela; a iniciativa nace dos mariñeiros Xoaquín Bouzas e Xosé Serantes que eran os encargados de face-las festas o devandito ano. A imaxe pagouse por subscrición popular contribuíndo tódolos mariñeiros con cantidades de 10 céntimos ata un anónimo que dou 75 pesetas. O custo desta obra chegou a 1600 pesetas, incluíndo os vestidos que foron deseñados polos monxas do asilo de oblatas do Santísimo Redentor de Santiago.

A obra foi encargada ao obradoiro do artista Xosé Rivas Rodríguez que se atopaba na Rúa do Vilar. Deste obradoiro saíron uns bos tallistas e escultores como: Manuel Miranda, Manuel César Conde, Xosé Puente Otero. Pintores como: Xosé Otero Gorrita, Xosé Pasín Romero que tamén era tallista e o alumno pintor Anxo Rodríguez. Tanto Anxo Rodríguez como Xosé Pasín foron os que remataron a obra escultórica, tanto na talla como na pintura. Xosé Pasín era un sindicalista anarquista sendo un mozo naqueles tempos moi activo tratando de arranxar os problemas sociais que eran moitos naqueles tempos. Ao chegar o golpe de Estado de Franco contra o poder lexítimo da República, Pasín foi detido e levado a cadea en Santiago. O escritor Manolo Rivas no seu libro «O lapis do carpinteiro» trata nunha ringleira de Pasín cando estaba na cadea cos carpinteiros e sindicalistas anarquistas Antonio Vidal e Xosé Villaverde.

Xosé Pasín foi sacado unha noite e levado a un foxo e foi asasinado a tiros pola horda franquista. Coido que calquera persoa crente ou non crente da vila de Vilaxoán pode estar orgullosa de ter unha talla escultórica da Virxe do Carme feita por un sindicalista ácrata. Esta imaxe, como a da Virxe do Rosario, pódese contemplar nas dependencias da Confraría de Pescadores. Sempre estiveron custodiadas polos mariñeiros nestas e outras dependencias, soamente entra na igrexa os días sinalados da súa festividade.

Algo sempre queda de moitos homes e mulleres que foron asasinados na Guerra Incivil, quedan a historia, as ideas, as obras, as pinturas... Cousas que non puideron matar.

Mataron o artista, non se atreveron a destruír a súa creación.

A festividade do Carme, virxe dos mariñeiros, é moi emotiva nas poboacións da ría. Estas son as principais procesións marítimas.

O Grove

Hoxe • 18.30 horas • A procesión zarpa logo da misa polos mariñeiros defuntos. Ás 13 horas haberá un aperitivo na casa da Terceira Idade. E ás dez da noite, verbena a cargo de La Ola ADN e Assia na praza do Corgo.

Vilaxoán

Hoxe • 20 horas • A festa comeza xa de mañá, cos pasarrúas. Ás 12, misa cantada coa coral Máximo Patiño. Xa logo da procesión do serán chega o intre da verbena, con Jerusalén e Bomba.

Cambados

Hoxe • 20 horas • A procesión comeza logo da misa de campaña no porto de Tragove. Ao seu remate, pola noite, verbena amenizada por Compostela e o dúo Caché.

Carril

Hoxe • 19 horas • Carril ferve hoxe de música dende a mañá, coa actuación de Airiños, Vértula ou a charanga Mekánika. Logo da procesión marítima, ás 21 horas, El Show de los Payasos, para os nenos. De seguido, unha grande verbena con El Combo Dominicano e Pontevedra.