Música e poemas en Cambados para lembrar a Rosalía de Castro

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

MONICA IRAGO|Mónica Irago

O venres haberá varias actividades de carácter escolar na rúa que leva o nome da escritora

19 feb 2019 . Actualizado a las 14:58 h.

O Concello de Cambados secundará a convocatoria da Fundación Rosalía de Castro para celebrar a data de nacemento da escritora cunha serie de actividades. O día 22 pola mañá na avenida que leva o nome da escritora, ao lado do arco de Fefiñáns, desenvolverase unha xornada de carácter escolar que contará coa cantante Lucía Veloso e os músicos Manuel Dopico e Álvaro Cardalda, que musicarán poemas de Rosalía; haberá lectura de poemas a cargo de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía; Víctor Caamaño, concelleiro de Educación e Cultura, e do chef cambadés Xan Galbán, que cociñará o Caldo de gloria para ser repartido entre os asistentes. Ademais, aproveitarase o acto para facer entrega dos premios do certame literario escolar dedicado a Rosalía. De cara á fin de semana, Caamaño invita aos veciños a homenaxear a autora de «Cantares Gallegos» agasallando un libro e unha flor e, o domingo, a que os músicos saian á rúa para tocar e cantar unha alborada.