«Violencia Zero» en Cambados

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

O instituto Cabanillas acolleu unha performance da actriz cambadesa Cristina Balboa, nun acto que contou coa presenza da presidenta provincial, Carmela Silva

20 feb 2019 . Actualizado a las 15:28 h.

«Mulleres en Acción. Violencia Zero» achegouse este mediodía ao instituto Ramón Cabanillas de Cambados coa artista cambadesa Cristina Balboa como protagonista, que presentou a performance «O que segue», na que reflexiona sobre as dicotomías nas que viven as mulleres. No acto estivo a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal. «Despois de corenta anos de democracia, son a primeira muller que preside unha administración provincial en Galicia. Se as mulleres somos máis da metade de poboación e somos case o 60 % das tituladas universitarias, por que non chegamos aos órganos de goberno e de dirección?», indicou Silva.

A presidenta expúxolles ás rapazas e rapaces do instituto cambadés a realidade das mulleres hoxe en día, «cando somos maioría en rematar estudos universitarios, somos maioría traballando na sanidade, pero algo non funciona ben cando non somos quen de estar na metade das cousas». A presidenta provincial quixo así que os mozos reflexionen sobre a situación real da igualdade entre homes e mulleres hoxe en día, «e o que é peor, porque ademais de non ter a igualdade, por encima as mulleres sufrimos todo tipo de discriminacións con comentarios machistas, situacións discriminatorias, e algo moito máis grave, violencia física con malos tratos, violacións ou asasinatos polo simple feito de ser mulleres», subliñou.

«Mulleres en Acción. Violencia Zero» é unha iniciativa promovida pola institución provincial que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o traballo de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Nesta edición reúne as obras de vinte e cinco artistas en diferentes modalidades.