Charlín acusa a Portos de Galicia de «desapiadado» por pasarlle ao cobro 20.800 euros polo salón Peña

B. C. CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

Desde o Concello de Cambados lembran que xa renunciaron en marzo á ocupación dos terreos do Borrón

24 jul 2021 . Actualizado a las 08:34 h.

Os adxectivos soben de ton na xa vella polémica entre o Concello de Cambados e Portos de Galicia no que atinxe ao uso do salón Peña. O concelleiro de Economía e Urbanismo, Xurxo Charlín, acusa ao ente autonómico de «desapiadado» por pretender cobrarlle ao Concello 20.800 euros en concepto de canon por ocupación do dominio público do 1 de xullo ao 30 de novembro de 2021, «a pesar de que Portos resolveu o pasado mes de marzo a renuncia total do Concello á súa ocupación», segundo explica vía comunicado.

Charlín informa de que non é a primeira vez no que vai de ano que Portos intenta cobrar unhas «taxas abusivas e inxustas pola utilización do Salón Peña, xa que actualmente o Concello de Cambados está preparando un recurso contencioso-administrativo para recorrer as taxas remitidas por Portos de Galicia o pasado mes de febreiro por importe de 33.282 euros, correspondentes ao período comprendido entre o 18 de novembro de 2020 e o 30 de xuño de 2021».

O goberno local argumenta que as corporacións locais están exentas do pago deste tipo de taxas, pero como Portos insiste e cobrarlle 50.000 euros ao ano, o 2 de marzo remitiulle a renuncia total da autorización de ocupación de dominio público, sendo resolta a mesma no mes de marzo, «polo que carece de sentido que agora pretendan cobrar máis de 20.000 euros polo uso dun inmoble ao que mesmo non temos nin chave para poder acceder».

«Esta voracidade recadadora de Portos contrasta coa súa neglixencia e total abandono das zonas da súa propiedade. O concello quen ten que realizar e pagar do seu peto a limpeza e conservación do paseo marítimo, do paseo da Calzada e doutras zonas do litoral marítimo, o custe do alumeado público desas zonas, o mantemento dos xardíns ou a poda, tratamento de pragas e reposición de novas árbores e palmeiras», apunta o concelleiro. «Ademais, os cambadeses pagámoslles a Portos de Galicia pola instalación da árbore de Nadal de San Tomé, pola ocupación dos baixos da escalinata (almacén e vestiarios do club de piragüismo), o mercado, o centro de saúde, a ocupación de terreos na Festa do Albariño, a nave de Tragove, as probas deportivas que percorren o paseo marítimo, a ocupación de terreos da Calzada coa Feira de Oportunidades, da Feira de Antigüidades ou da Feira do Libro», engade o edil de Somos.

Charlín lembra que está en trámite o procedemento para a desafectación dos terreos portuarios para que pasen a ser de titularidade municipal —o cal suporía un aforro de cerca de 90.000 euros anuais para as arcas locais— e renova a súa dispoñibilidade para chegar a un acordo neste sentido coa administración competente.