O XAV volve a Cambados da fase de ascenso quinto e con moi boas sensacións

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Imaxe da expedición do XAV Cambados que competíu os dous últimos días na fase de ascenso á Primera Federación en León.
Imaxe da expedición do XAV Cambados que competíu os dous últimos días na fase de ascenso á Primera Federación en León. CEDIDA

Perdeu co anfitrión, o Aule, para resarcirse despois da final autonómica impoñéndose ao CV Pontevedra

28 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

En ningún momento pensou a expedición do XAV en volver de León co ascenso á Primera Federación na man. Facíase difícil crer que un modesto club de Cambados podería conseguir á primeira o gran salto na estrea nunha fase de ascenso a categoría nacional no seu cuarto de século de historia. A realidade foi teimuda, e o conxunto que dirixe Mariel Oubiña quedou fóra da pelexa á primeira de cambio en León, sumando na mañá de onte a súa segunda derrota, tamén por 3-0, desta volta a mans do anfitrión, o Aule. Pero o XAV retornaba na madrugada de onte á vila do albariño coa cabeza ben alta, tras gañar o duelo polo quinto posto con quen fora o seu verdugo na final polo título da Primeira Galega só unhas semanas atrás, o CV Pontevedra e, sobre todo, polas excelentes sensacións acumuladas polo conxunto arousán a medida que avanzaba a súa derradeira xornada na fase.

Pola mañá, o XAV caeu cun enganoso 3-0 ante o Aule. Cun 25-11 no primeiro set pese ao grande inicio de partido das de Oubiña, dando paso a dous apertados 25-22 e 25-23. Xa pola tarde, ante un CV Pontevedra que tamén perdera os seus dous encontros de acceso ás semifinais polo ascenso, as cambadesas resarcíronse da final autonómica, gañando 3-1: 25-20/25-15/19-25/25-19.

A maior, 22 anos, a menor, 15

Oubiña valorou moi positivamente a participación do XAV na súa primeira fase a categoría nacional: «Volvemos con boas sensacións. Era unha oportunidade de ver o nivel doutras comunidades, alto. E nós non deixamos de ser un equipo moi noviño, hoxe —por onte— coa xogadora máis vella de 22 anos e a máis nova de 15».