Cambados celebra a Festa da Bicicleta este domingo

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

Martina Miser

Seguirá o esquema de anos anteriores, con saída da praza de Fefiñáns, premios e sorteos

31 may 2023 . Actualizado a las 14:57 h.

O Concello de Cambados celebrará este domingo unha nova edición da Festa da Bicicleta seguindo o mesmo modelo que en ocasións anteriores. A carreira ciclista partirá ás 11 horas da praza de Fefiñáns para facer un percorrido de 11 quilómetros ao longo do casco urbano e as parroquias de Vilariño e Corvillón. O uso do casco será obrigatorio. A inscrición, de carácter gratuíta, abrirase ás 9.30 horas na mesma praza de Fefiñáns e con ela as persoas participantes poderán participar nun sorteo de seis bicicletas que se efectuará ao final da marcha.

Ademais, premiarase á bicicleta máis orixinal, á persoa participante máis nova, á de máis idade e á familia máis numerosa.

A Festa da Bicicleta celebrarase coincidindo co Día internacional da Bicicleta, que se conmemora o día anterior, co obxectivo de promover o uso deste vehículo como forma de transporte sostible na vila, segundo se indica dende a concellería de Deportes.