Catoira promove que o Día das Letras sexa dedicado a Faustino Rey Romero, un dos pais da Romaría Vikinga

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

SIMÓN BALVÍS

A idea foi formulada nun roteiro celebrado esta fin de semana para recuperar a memoria do sacerdote e poeta

14 may 2024 . Actualizado a las 15:41 h.

O Concello de Catoira vén de anunciar que vai retomar unha campaña que ten como obxectivo conseguir que se dedique o Día das Letras Galegas ao sacerdote e escritor galego Faustino Rey Romero. Segundo explicou o alcalde, o nacionalista Xoán Castaño, quérese poñer en valor «toda a súa produción literaria como poeta e colaborador de diferentes revistas, que foi membro da Real Academia Galega e, ademais, que foi tamén unha peza fundamental da creación e copresidente do Ateneo do Ullán no 1961, cerne fundamental para a creación da Romaría Vikinga».

Esta proposta foi formulada o pasado sábado, a raíz do roteiro literario para dar a coñecer a súa figura. O acto foi organizado por Xosé Agrelo e nel estivo involucrada a Mesa pola Normalización xunto a outras entidades. Reuníronse entón un bo grupo de persoas interesadas na súa figura que, dende Rianxo foron facendo varias paradas en puntos estratéxicos da súa vida, para logo cruzar a ponte. Estiveron tamén na zona das Torres de Catoira. Finalmente, na cantina do tren desta vila, léronse diferentes poemas do autor e tomou a palabra o alcalde de Catoira para expoñer a súa intención sobre a súa figura literaria.

O propósito do Concello de Catoira é, segundo dixo Castaño, involucrar na proposta de dedicarlle o Día das Letras a dous dos actuais académicos da RAG que son da mesma zona que o autor, Xosé Luís Axeitos Agrelo e Anxo Angueira —presidente da Fundación Rosalía de Castro—, así como a alcaldes doutras localidades, co fin de que leven a proposición a unha sesión plenaria para que sexa aprobada, xa ben para a próxima ou a seguinte edición das Letras Galegas. Por outra banda, tamén se formulou a idea de colocar unha placa conmemorativa na casa natal de Rey Romero en Rianxo, chamada «A Lagarteira», e localizada no lugar de Cestelo da parroquia de Isorna, co fin de identificala e que sexa recoñecida polas persoas visitantes.

Faustino Rey naceu no 1921 e morreu en Bos Aires cincuenta anos despois, tras «unha traxectoria revolucionaria e librepensadora aínda sendo sacerdote». «Sempre progresista, a mediados do século XX tivo problemas pola súa crítica ás formas de comportarse de parte do clero. En 1961 fundou o Ateneo do Ullán para organizar eventos culturais en Catoira, conferencias e outras actividades, ademais da Romaría Vikinga, que comezou a realizarse ese mesmo ano». No salón do Balneario organizou tamén charlas nas que participaron Filgueira Valverde, Borobó ou Bouza Brei.