O Multiusos de Catoira acolle unha maqueta do Santa Isabel, o Titanic galego

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Concello de Catoira

É unha peza construida por José Antonio Barreiro

03 jun 2026 . Actualizado a las 19:21 h.

O Multiusos de Catoira acolle desde esta semana unha maqueta do Santa Isabel, o coñecido como Titanic galego, protagonista do maior naufraxio da costa galega. Ocorreu en 1921, fronte á illa de Sálvora, e nel que morreron 213 persoas e sobreviviron 56. A peza, instalada na sala Luís Seoane, é obra de José Antonio Barreiro, un xubilado apaixonado polo mar e pola historia marítima galega, que leva divulgando a traxedia do Santa Isabel co obxectivo de achegar á cidadanía «unha parte moi importante da historia de Galiza». A mostra que agora chega a Catoira pasou xa por diferentes localidades galegas.

A maqueta é unha réplica minuciosa e extremadamente fiel do barco orixinal. Ten 1,80 metros de eslora, 24 centímetros de manga e arredor de 30 quilos de peso. Un dos detalles que máis chama a atención é o casco, no que Barreiro colocou manualmente 1.400 puntas de apenas 5 milímetros de longo e 2 de grosor para simular os remaches do barco e conseguir unha representación o máis realista posible. A embarcación está elaborada con numerosos materiais reciclados e elementos artesanais. Así, as puntas dos paraugas convertéronse en gardacabos, unha vaina de bala serve como bucina e un anaco de madeira procedente dun convento de Santiago foron reutilizadas para recrear distintas zonas do barco. A maqueta tamén incorpora algúns elementos modernos impresos en 3D grazas á colaboración dos netos do autor.