«Non vexo necesarios os grupos de WhatsApp dos pais, e se os hai, o mestre debería estar neles»

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

MEIS

MARTINA MISER

Sinala que ás veces esa canle fai que os proxenitores asuman responsabilidades que debe ter o alumno

12 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Roberto Maquieira, natural de Pontevedra e residente en Vilalonga, sorrí cando se lle propón falar de grupos de WhatsApp. Nótase que é un asunto moi de actualidade no seu día a día. «Estannos dando moito que facer, tanto os de pais como sobre todo os dos nenos», manifesta el, que foi mestre e agora centra o seu traballo no eido da orientación escolar, nun colexio público de Meis. Advirte Maquieira que a súa é unha visión propia, froito da súa experiencia «pero que non ten que ser compartida con outros mestres ou outros compañeiros orientadores».

-Vaiamos directos ao asunto: ¿grupos de WhatsApp de pais si ou non, que recomenda?

-Se un pai me fai esa pregunta se debe estar ou non neses grupos direille que, por suposto, que faga o que estime oportuno. Pero se me pregunta se creo que son útiles e necesarios direille que non vexo necesarios os grupos de WhatsApp dos pais, e se os hai o mestre debería estar neles. Sei que esta é unha opinión coa que non concordan algúns compañeiros, pero eu parto da base de que se se crean estes grupos é para falar de temas relacionados coa clase, coa educación e se eu son o titor de esa aula quero participar, e ver que é o que lle preocupa aos pais. Pero, insisto, non me parecen necesarios, non creo que educativamente falando vaian aportar algo.

-¿Dende os centros hai que loitar contra eles, polo tanto?

-Non. Penso que non son necesarios, pero que son inevitables en pleno século XXI e que son froito da sociedade e do tempo no que vivimos, creo que como profesionais que somos nos temos que adaptar a eses tempos.

-Xa que son inevitables... ¿qué recomendacións lle daría aos pais que participan nun grupo de WhatsApp con outros proxenitores, hai temas que deben tratarse aí e hai liñas vermellas que non deben cruzarse?

-Non creo que haxa unha pauta concreta, nin que os profesionais da educación nos poidamos meter nun ámbito tan privado como ese tipo de comunicación. O que recomendaría é moi básico, usar o sentido común e manter as formas correctas en calquera outro tipo de comunicación. Penso que esas dúas cousas son básicas e xa non habería nin que plantexalas. Unha das cousas que me preocupan destes grupos de pais e que vexo que as familias acaban asumindo responsabilidades que en realidade son soamente dos nenos. Non creo que sexa un pai ou unha nai a que se ten que preocupar de mirar que deberes ten o seu fillo, creo que cada neno debe saber os seus deberes e que é unha responsabilidade súa, que non se pode copar.

-Nalgúns colexios estanse poñendo en marcha proxectos a medio camiño, como as listas de difusión de WhatsApp, nas que o profesor se comunica cos pais pero os proxenitores non falan entre si...

-Educación ten dende hai tempo varias ferramentas dese tipo, tales como aplicacións informáticas. Nese caso si que me parece máis produtivo, porque esa canle serve para comentar algunha dúbida co profesor. De todas formas, temos moitas outras formas de facerlle chegar a información.