O Grove avisa: acabouse a información e chegan as multas a quen incumpra a normativa covid

La Voz O GROVE / LA VOZ

O GROVE

O goberno local fala dos «vergoñentos episodios dos pasados días», cando un grupo de rapaces bébedos interrompeu un concerto berrando «Viva el coronavirus»

01 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello do Grove acaba de confirmar a contratación de cinco novos auxiliares de policía para os vindeiros meses. Estes efectivos súmanse aos xa contratados e permitirán que, durante o mes de agosto, sexan dezanove as persoas que estean traballando para a Policía Local, entre persoal permanente e auxiliares. Segundo informa o goberno local do Grove, «deste xeito poderá elaborarse un cuadrante que contará con servizo de policía nocturno nas fins de semana».

Explica el Concello meco que «entre os principais cometidos dos novos efectivos incorporados están o control do uso de máscaras e do cumprimento das normas do covid-19, tanto nas praias como nas zonas urbanas». Unha tarefa na que xa se leva traballando de forma continuada dende hai semanas. Polo demais, os axentes tamén terán que atender a outras cuestións, máis propias do servizo, como o control de aparcadoiros e de zonas peonís, a fin de evitar que os vehículos sigan a pasar por rúas nas que se ten vedada a circulación rodada.

Alén disto, «e dados os vergoñentos episodios dos pasados días, dende a alcaldía, a concellería de Seguridade Cidadá e a policía local, tras dunha reunión urxente, inciden que se da por rematado o período informativo no relativo ás normas de seguridade para o control da covid-19, polo que as seguintes actuacións terán carácter sancionador».

Insiste o Concello meco en que «polo de agora, o verán estase a caracterizar pola normalidade, a tranquilidade e a ausencia de incidentes». Malia todo, «tense constancia da existencia de comportamentos inadecuados, como o non uso da máscara ou a celebración de botellóns en zonas públicas, o que está terminantemente prohibido, polo que non se permitirá que estas condutas se xeneralicen ou pasen impunes, aplicando man dura sobre elas e as correspondentes sancións contempladas na normativa».

Por outra banda, a dispoñibilidade de persoal policial permitiu crear unha brigada permanente de control medioambiental, de tal xeito que dous policías, acompañados polo técnico de Medio Ambiente, se van encargar de darlle maior celeridade aos expedientes de limpeza de terras que, a día de hoxe, seguen a causar bastantes problemas. A brigada abrirá os correspondentes expedientes sancionadores por incumprimento da normativa, aplicando sancións dunha contía mínima de seiscentos euros.