Moito cine e moito conto, este outono no Grove

La Voz O GROVE / LA VOZ

O GROVE

CEDIDA

A programación cultural para os vindeiros meses arrinca este venres coa proxección da película «El hogar de Miss Peregrine»

28 sep 2020 . Actualizado a las 19:16 h.

O Concello do Grove vén de organizar para os meses de outubro e novembro un novo programa cultural que se poderá desfrutar na Rede de Bibliotecas do Grove e que inclúe contacontos, cinema, lecturas variadas e actividades en Rede. A programación comezará o venres, 2 de outubro coa proxección do filme El hogar de Miss Peregrine na Biblioteca Municipal do Grove.

Non podemos esquecer que o mes de outubro resulta especialmente importante para a actividade cultural da localidade ao celebrarse o Día das Bibliotecas. Inda que esta data se conmemora o 24 de outubro, ofrecerase unha intensa semana de actividades. O martes 22 proxectarase a película Ferdinand, e o venres 23, Matilda. O mércores 21 de outubro Charo Pita achegará á Axencia de Lectura de San Vicente o contacontos Aventureiras intrépidas, e o sábado 24, xa na biblioteca municipal do Grove, Raquel Queixas ofrecerá o espectáculo de contacontos Cinema Marabillas. Ver para ler.

O programa de outono completarase coa sesión de contacontos Contos de medo que deixan durmir, a cargo de Caxoto o 13 de novembro; o espectáculo Debulendo lendas, a cargo de Tarabelos, o 24 de novembro; proxeccións de cinema, guías de lectura e actividades nas redes sociais. Así mesmo, o venres 27 de novembro ofrecerase unha sesión de cinema para adultos No estás sola, Sara, un filme enfocado a tratar a temática da violencia de xénero.

Co fin de manter as condicións hixiénicas e de seguridade, a capacidade é limitada, polo que é necesaria inscrición previa en todas as actividades.