Lara Lois gaña a derradeira proba do Open de España de Maratón

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

Pirucho

A ciclista grovense do Extol MTB Team, Lara Lois García, conquistou a pasada fin de semana a Épica Las Navas by Scott

16 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A ciclista grovense do Extol MTB Team, Lara Lois García, conquistou a pasada fin de semana a Épica Las Navas by Scott, sétima e derradeira proba do calendario do Open de España de XCM, a modalidade de maratón do ciclismo de montaña.

A biker arousá completou os 96 quilómetros do trazado en 5 horas, 32 minutos e 23 segundos, sacándolle 3 minutos e 45 segundos a Marta Tola Mila, do Open Natura Club Esportiu, deixando a terceira ocupante do podio, Aida Beteta Corvillo, do Pasarela Lucciola, xa a case 27 minutos.

Lara Lois confesaba onte que «a proba se me fixo un pouco dura, custoume bastante rematar». E iso porque «tiña un trazado duro, de moitas pendentes e desvíos; moita xente perdeuse». Pero é que ademais, «quedei sen bebida na metade do percorrido e tiven unha pequena páxara ata que cheguei ao último avituallamento», di. Uns 15 quilómetros que se lle fixeron interminables á galega, para acabar dándolle máis valor ao seu triunfo.

Con este resultado, e logo de ter participado tan só ademais na primeira das sete probas do seu calendario, a Scott Marathon Cup-Cambrils, Lara Lois rematou o Open de España de XCM (Maratón) 2021 no quinto posto da clasificación con 355 puntos; a 411 do podio, pechado por Marta Tola. A meca pechará a temporada no Campionato Galego de Maratón, o 17 de outubro.