O técnico que traballa en cantar os ascensos de Villarriba e de Villabajo

RIBADUMIA

Mónica Irago

Tras dirixir os infantís do Ribadumia á Provincial, Pablo Torres pelexa por levar o Umia á Preferente, e promove a fusión das canteiras dos dous clubs

20 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dúas semanas o conxunto infantil do C.D. Ribadumia gozaba dunha experiencia única. A de entrar no campo escoltado polo seu equipo veciño, o Umia C.F., que lle facía o pasillo de honra en calidade de campión da Liga Comarcal con seis xornadas de campionato inda por diante. A histórica e cada vez máis desgastada rivalidade entre os dous clubs dun concello de 5.000 habitantes quedaba aparcada en pos da máis sa deportividade, que Pablo Torres confía en levar moito máis aló máis pronto ca tarde.

Adestrador do campión infantil, Torres traballa en completar este curso un círculo virtuoso dirixindo tamén o primeiro plantel do Umia cara a Preferente. Un reto que lle esixirá ao colectivo a súa mellor versión para remontar nas catro derradeiras xornadas de Liga os 4 puntos de desvantaxe que mantén hoxe coa zona de ascenso.

Hai tres anos o técnico decidía iniciar unha nova etapa facéndose en paralelo cos alevíns de segundo ano do C.D. Ribadumia e co equipo sénior do Umia C.F. Unha perspectiva única que lle levou a soñar cun futuro de traballo en común entre ambas entidades, para o que mesmo xa ten un proxecto dunha única canteira deseñado.

«Hai xente á que lle fastidia que adestre en Ribadumia e en Barrantes», comenta Pablo Torres. «Onde me tiran máis picadas é en Barrantes. De feito, en Ribadumia danme os parabéns, e hai pais de rapaces da canteira da Senra que van ver os partidos do primeiro equipo do Umia por min». Claro que isto está a mudar, e ata ten data de caducidade en opinión dun home que está a traballar para servir de ponte entre os dous clubs.

«A rivalidade xa non é tanta. Os que a manteñen son catro vellos de Barrantes e catro vellos de Ribadumia. Pero a xente nova cambiou moito». Ata o punto, afirma, de que «falando coas dúas directivas de que deben fusionar as súas canteiras, moitos dinme que si, e que están dispostos a botarme unha man». Só falta, laiase, «esa persoa que dea o primeiro paso poñéndose á fronte da iniciativa». Porque proxecto xa o ten se quere. O que Pablo Torres vén de elaborar como parte do curso de obtención do nivel 2 de adestrador.

Para o técnico unha canteira única, dun medio milleiro de futbolistas, «sería a solución para deixar de competir os equipos base dos dous clubs a medias, e que o Arousa e o Pontevedra non sigan levando os mellores rapaces».

El, forxado e curtido no Ribadumia e lucindo a camisola do Umia na súa prematura retirada por unha lesión de xeonllo, vai predicando co exemplo. Defendendo os dous escudos, e inxectando savia nova no primeiro plantel de Barrantes desde o equipo de Liga Galega Xuvenil da Senra.