Vilalonga, Ribadumia e Céltiga reafírmanse na pelexa polo ascenso

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MARTINA MISER

Os tres saíron airosos dos enfrontamentos cos seus rivais directos esta fin de semana

26 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Era a décimo cuarta xornada unha ocasión propicia para os equipos arousáns para lanzar unha mensaxe nítida de que conten con eles na pelexa polas dúas prazas con dereito a asento na Liga de Terceira División 2020/21. Comezando por un Vilalonga que visitaba nada menos co campo do líder provisional, o Atlético Arnoia, cunha única derrota nas trece xornadas precedentes.

Os homes de Ricardo Fernández saíron moi reforzados do seu paso polo Campo da Queixeira. Cun solitario gol de Nico no minuto 31 de partido que decantou o choque. Só o triunfo do Atios, 1-2 sobre o Mondariz, privou o Vilalonga do primeiro posto, que agora ve a 1 punto.

Tres máis son os que separan o Ribadumia, cuarto, do Atios despois de que o conxunto que dirixe Luis Carro saíse airoso do seu enfrontamento en terreo inimigo co Xuventú Sanxenxo. No seu caso, tamén pola mínima. Con Diego axustizando o seu equipo a tempada anterior no minuto 31. Un marcador que multiplica por dous os 3 puntos de vantaxe cos que o cadro aurinegro chegaba ao choque, baixo a ameaza de ser atrapado polo inquilino de Baltar de Arriba.

Igual de satisfactorio resultou o desprazamento do Céltiga na decimocuarta xornada. Como no caso dos seus veciños, para confrontar a súa artillería cun adversario directo na inda poboada zona de honra da clasificación. Lezcano, no minuto 22, e Leandro, no 84, subiron o 0-2 que lle permitiu escalar aos de Javi Rey da sétima á sexta praza da clasificación con 24 puntos, a 6 do líder e a 5 do Vilalonga.

Un chanzo máis abaixo atópase o Juventud Cambados. O único dos catro conxuntos arousáns que partiu sen mirar á Terceira deu o domingo un pequeno paso máis no seu camiño cara eses 50 puntos que lle garantan a permanencia na Preferente empatando en Burgáns 1-1 co Portonovo, co vilagarcián Batallón igualando o 0-1 obra de Marcos.