Un novo centenario en Valga

La Voz VALGA

VALGA

cedida

Hipólito Cerqueiras foi felicitado polo alcalde na súa casa de Moldes

08 jul 2020 . Actualizado a las 17:03 h.

O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e as concelleiras Begoña Piñeiro e Malena Isorna felicitaron esta mañá a Hipólito Cerqueiras Pardal no día do seu centenario. Os representantes municipais visitárono no seu domicilio en Moldes (Cordeiro) para agasallalo en nome de todos os valgueses. Unha placa conmemorativa, un ramo de flores e un torta para celebrar o aniversario foron os regalos que lle entregaron. O novo centanario soprou as candeas co número cen e brindou cos edís e coa súa familia nesta data tan especial.

Hipólito Cerqueiras, viúvo dende hai un lustro, viviu sempre en Vilarello ata que nos últimos anos se trasladou coa súa filla pequena, Angelita, a Moldes. Casou cunha veciña da mesma aldea e adicouse á agricultura. Sobreviviu á Guerra Civil, na que participou como recruta da última quinta, e agora tamén á pandemia do coronavirus, segundo informa o Concello.

Como non podía ser doutra maneira, a celebración está a ser por todo o alto e rodeado da súa extensa familia. Reuniuse cos seus cinco fillos -tivo un sexto que faleceu de mozo- para xantar e, pola tarde, recibirá a visita de netos (16), bisnetos (máis de 20) e tataranetos (4), entre outros achegados.

Hipólito Cerqueiras é o home de máis idade de Valga. Outras dúas mulleres do municipio superan tamén os cen anos: María Bouzas, veciña de Cerneira, que está a piques de cumprir 104 anos, e María Josefa Senín, de Reguengo, que ten 101.