María Bouzas pasa a ser a veciña máis lonxeva de Valga con 104 anos

La Voz VALGA

VALGA

No clube dos centenarios están tamén María Josefa Senín, que ten 101 anos, e Hipólito Cerqueiras Pardal, que o domingo cumpriú cen

09 jul 2020 . Actualizado a las 10:46 h.

Valga segue dando mostras da boa saúde dos seus maiores. María Bouzas Senín, a veciña máis lonxeva do municipio, cumpriu este mércores 104 anos. Con motivo do seu aniversario o alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras Carmen Gómez e Begoña Piñeiro visitárona este mediodía no seu domicilio de Cerneira (Setecoros). Trasladáronlles as felicitacións de todos os veciños e entregáronlle como agasallos un ramo de rosas, doces e unha torta na que María soprou as velas co número 104.

Con máis dun século de vida é todo un exemplo de vitalidade. Os anos semella que non pasan por ela e mantense igual de faladora e enérxica, segundo informan desde o Concello. Ela soa se ergue e se viste polas mañás e mantén o costume de dar paseos, axudándose cun andador, polos arredores da vivenda, na que reside coa súa filla e o seu xenro. María vive con incredulidade a situación de pandemia polo coronavirus. «Vivín varias guerras, pero coma isto non vin nada. En 104 anos non acordo que non houbera misa en Setecoros», comentaba co alcalde e as concelleiras referíndose á suspensión dos servizos relixiosos na parroquia durante o estado de alarma.

Cunha filla, dous netos e tres bisnetos, María Bouzas rodearase esta fin de semana de todos os seus achegados para celebrar con eles o seu aniversario.

Valga conta, ademais, con outros dous veciños centenarios: María Josefa Senín, de Reguengo, que ten 101 anos, e Hipólito Cerqueiras Pardal, de Moldes, que o pasado domingo cumpriu os cen anos.